FERROL360 | Xoves 17 setembro 2015 | 19:22
O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, anunciou este xoves que o Concello de Narón se adherirá ao procedemento de regularización catastral 2014-2017, para dar así cumprimento a un proceso iniciado pola Dirección Xeral do Catastro e dirixido á loita contra o fraude.
Villamar explicou que «é o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o que nos obriga a acollernos a este procedemento, que debe iniciarse en todos os concellos antes do 31 de decembro de 2016, tal e como se publicou no BOE».
A medida non implica unha nova revisión dos valores catastrais e supón un custe para o cidadán ao que se presta o servizo, por parte do Estado, de 60 euros por inmoble regularizado.
O pasado mes de xullo o Concello de Narón recibiu un escrito do Ministerio de Facenda informando sobre este procedemento. O procedemento desenvólveo directamente a Dirección Xeral do Catastro e ten como obxectivo incorporar a este organismo os bens que non están inscritos, ou que o están, pero de xeito incorrecto ou incompleto.
Esta medida contribuirá a que a tributación destes bens no IBI sexa a que se corresponde coa realidade inmobiliaria en cada un dos casos.