Home / Actualidad / Narón aproba, de xeito inicial, o Regulamento de cesión de uso de locais e dependencias municipais

Narón aproba, de xeito inicial, o Regulamento de cesión de uso de locais e dependencias municipais

FERROL360 | Venres 1 xullo 2016 | 9:27

O Pleno de Narón aprobou este xoves, de xeito inicial, o Regulamento de cesión de usos e utilización de locais e dependencias municipais. A proposta contou cos votos favorables do grupo de goberno -TEGA, PSOE e BNG-, do PP e de EU.

O documento entregouse hai varias semanas ás asociacións, que non presentaron alegacións, se ben dispoñen aínda dun mes de plazo para formular as consideracións que estimen oportunas. Un dos obxectivos deste regulamento é favorecer a formación social e a participación cidadá, ao tempo que impulsar as iniciativas da cidadanía nas áreas social, educativa, cultural e de lecer.

Na sesión, o goberno local deu luz verde ao compromiso adquirido polo Concello sobre os custes de explotación dos colectores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol. Os importes máximos fixados no acordo estipulan unhas partidas de 231.373 euros para o cuarto trimestre deste ano e de un total 694.121 nos tres primeiros trimestres de 2017.

O cómputo responde aos metros cúbicos facturados a Narón en concepto do servizo de abastecemento, realizado por Acuaes cos padróns do ano pasado. Deste xeito, o Concello de Ferrol aportaría o 70 % do investimento a realizar e o de Narón o 30 % restante.

Taxa da rede de sumidoiros

Outro dos acordos adoptados no pleno foi a modificación da ordenanza fiscal número 8, que regula a taxa da rede de sumidoiros nas diferentes categorías establecidas. A nova ordenanza comezará a aplicarse o 1 de outubro, aínda que parte das cuotas non se aplicarán ata que funcionen os interceptores da marxe dereita da Ría de Ferrol e se comece a explotar a infraestrutura nin, noutros casos, ata que se inicie a explotación da correspondente EDAR.

No pleno deuse ademais conta da liquidación dos orzamentos do Concello de Narón e do Padroado da Cultura do exercicio de 2015. O orzamento de gastos do Concello ascendeu a 28.058.922 euros e o do Padroado da Cultura a 1.615.440 euros, tal e como se reflicte nos informes.

Das mocións presentadas ao pleno aprobouse a presentada polo grupo de goberno e Esquerda Unida para poñer en marcha un proxecto experimental de desenvolvemento educativo integral no rural, instando ao Parlamento e á Xunta a desenvolver esa iniciativa, dirixida a nenos e nenas de 0 a 6 anos.

A moción contempla tamén a implantación da proposta en Sedes inicialmente, por partir da veciñanza da parroquia a solicitude e levar a cabo un programa de divulgación e revalorización das escolas rurais informando deste proxecto. A proposta non contou co respaldo do PP.

Así mesmo, aprobouse por unanimidade a moción presentada por ENE para solicitar á Xunta axudas para poñer en marcha unha unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar, unha vez que desde a Unidade de Atención Temperá Novoa Santos se remita un informe sobre as necesidades deste servizo.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies