Home / Actualidad / Narón aproba os orzamentos para 2016

Narón aproba os orzamentos para 2016

FERROL360 | Venres 29 xaneiro 2016 | 12:41

O goberno de Narón aprobou este xoves en pleno os orzamentos locais para 2016, que ascenden a 28,9 millóns de euros. Estes orzamentos contaron co voto favorable dos grupos que conforman o goberno e tamén do concelleiro de Esquerda Unida. Partido Popular e Eliximos Narón Electores votaron en contra.

O alcalde, José Manuel Blanco, destacou que se trata dun documento elaborado nun marco de «austeridade» e co que se aposta por continuar priorizando ás persoas, tanto no que respecta ás axudas para os máis necesitados como para o mantemento dos servizos que se ofrecen aos veciños.

As contas locais supoñe un incremento do 3,18 % con respecto ao ano anterior, é dicir, 892.312 euros máis que no 2015. Antes de votar a proposta de orzamento, realizouse a votación das alegacións presentadas polo PP ao documento, que foron rexeitadas.

Postura de EU

O voceiro de Esquerda Unida, André Abeledo, explicou que os seu voto a favor dos orzamentos ten «matices e discrepancias». Así, criticou que o servizo de emerxencias «sae moito máis caro que ter o servizo de bombeiros contratado a Ferrol» e reclamou a mancomunidade do servizo.

Tamén censurou a subida da partida de festas no actual contexto de emerxencia social e bota en falta un maior investimento para o fomento do emprego. Neste senso, Abeledo sinalou que aposta polo fomento do cooperativismo e a creación dun viveiro de cooperativas.

Iso si, desde o grupo de Esquerda Unida valoran positivamente «a boa disposición dende o equipo de goberno para sentarnos a falar de cambios importantes no que se refire a aplicación dun sistema fiscal progresivo».

Críticas de ENE

Eliximos Narón Electores votaron en contra dos orzamentos porque «nacen con herdanzas que os volve ineficaces para corrixir a traxectoria do concello». O voceiro do grupo, Alfonso Casal, indica que ese lastre fai que a carga fiscal dos naroneses sexa un 36 % mais alta.

A revisión do catastro pactada en 2008, as hipotecas bancarias e de servizos, o alto custe da recollida, xestión e tratamento de residuos e da limpeza viaria, das instalacións deportivas e da xestión do patrimonio, teñen cifras desorbitadas que fan que os naroneses teñen unha carga fiscal máis alta cos veciños doutros Concellos, conlúe Casal.
Ordenanza de Transparencia

Por unanimidade aprobouse de xeito inicial da Ordenanza de Transparencia, acceso á información pública, reutilización da información e bo goberno de Narón. O Concello adheriuse en 2015 ao acordo de colaboración entre a Secretaría de Estado de Administración Pública e a FEMP e agora regula os principios recollidos no mesmo adaptándoos ao municipio.

Na ordenanza contémplanse puntos como un código ético de bo goberno dos representantes políticos municipais, baseado nos criterios de responsabilidade, vontade de servizo público, transparencia, eficacia e dedicación plena ás súas funcións. O ámbito de aplicación será tanto para o Concello como para o Padroado da Cultura e a compañía Cosma.

Mocións

O pleno aprobou o texto de Esquerda Unida sobre o pago do IBI pola igrexa católica, para instar ao Estado a revisar e modificar os acordos asinados coa Santa Sede en canto á supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa.

Así, no suposto de ser modificados eses termos, o Concello realizará un censo municipal cos inmobles propiedade da igrexa e outras confesións relixiosas no termo municipal. A moción contou cos votos favorables de todos os edís da corporación local excepto dos do PP.

Non correu a mesma sorte a moción de ENE sobre a modificación da ordenanza do IBI en relación a inmobles de características especiais. TEGA, BNG, PSOE e PP votaron en contra, mentres que EU abstívose. Tampouco contou cos votos favorables a moción do mesmo grupo para elaborar un Plan Anual de Estadística sobre a situación socioeconómica do Concello.

A moción asinada por TEGA, PSOE, BNG, ENE e EU en apoio aos oito sindicalistas de Airbus que pide a retirada dos cargos contra as persoas xulgadas polo artigo 315.3 do Código Penal e respaldando a defensa do dereito á folga dos traballadores foi aprobada.

Un comentario

  1. Alfonso Casal Pita

    Novamente o goberno do tripartito están a incumprir o mandato legal do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, que no Artigo 34 di que:
    1. Las administraciones públicas habilitarán en sus presupuestos las consignaciones necesarias para la financiación de las adaptaciones en los inmuebles que de ellos dependan.
    4. Los ayuntamientos deberán prever planes municipales de actuación, al objeto de adaptar las vías públicas, parques y jardines, a las normas aprobadas con carácter general, viniendo obligados a destinar un porcentaje de su presupuesto a dichos fines.
    Pois non se habilitaron partidas para estes gastos nos orzamentos de Narón de 2016.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies