Home / Actualidad / Narón aproba por unanimidade sumarse á rede de municipios libres de cortes de luz

Narón aproba por unanimidade sumarse á rede de municipios libres de cortes de luz

FERROL360 | Venres 24 febreiro 2017 | 17:54

O pleno ordinario de Narón aprobou co voto favorable de todos os grupos da corporación local sumarse á rede de municipios libres de cortes de luz. O Concello adhírese así ao convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e as empresas subministradoras de enerxía para a protección de persoas e familias en situación de urxencia social.

Mediante este acordo, o Concello se compromete a prestar axuda a persoas e familias en situación de vulnerabilidade. Tamén se aprobou sumarse á Central de Contratación da Femp para contratar as obras, os servizos e os subministros que se oferten a través da citada Central, según os prezos establecidos nos acordos marco a subscribir entre a Central e as empresas adxudicatarias.

Sairon adiante na sesión unha modificación do Inventario Municipal de Bens, as Bases de Execución do Orzamento de 2016, prorrogado ao 2017, a proposta de nomeamento da Muller do Ano de Narón 2017 e o Marco orzamentario 2018-2020.

No apartado de mocións, aprobouse por unanimidade a presentada por EU para facilitar á cidadanía afectada os trámites necesarios para a devolución das cláusulas solo, impulsando o establecemento, por parte do Concello dun dispositivo para asesorar e informar aos afectados e instar á Deputación a que colabore cos Servizos municipais que se creen na provincia.

O grupo municipal do BNG presentou unha moción sobre os danos causados polos temporais e as responsabilidades das compañías eléctricas subministradoras. Propuxeron instar ao goberno galego a avaliar de modo urxente os danos producidos en infraestruturas e servizos públicos e privados de diferentes sectores e a título particular. Votaron a favor todos os edís excepto os do Partido Popular.

Mentres, o PSOE urxiu ao ao Goberno central que regule a plantación nas zonas delimitadas pola praga da pataca e instou á Xunta a habilitar unha partida para indemnizacións da campaña de erradicación, impulsar un Plan de Investigación Científica e outro informativo. A proposta saiu adiante con todo os votos a favor, menos os cinco populares.

ENE presentou unha moción para instar ao Concello a crear un viveiro industrial de empresas municipal no polígono de Río do Pozo ou no das Lagoas, que non saíu adiante. O alcalde lembrou neste punto que o goberno local asinou varios convenios con empresarios do municipio por ofertar as súas instalacións aos emprendedores.

O grupo de goberno –TEGA, PSOE e BNG- presentou unha moción para a conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, sobre a que se abstiveron os cinco edís do PP. Coa aprobación deste documento, acordouse solicitar á Xunta a promoción dun pacto galego contra a violencia de xénero que inclúa diversas medidas.

Entre elas, apuntan: aumentar os recursos económicos destinados á prevención e á asistencia das vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos; incluír o termo ‘feminicidio’ na Lei galega para permitir o endurecemento das penas derivadas desta lacra social; mellorar medidas xudiciais nesta área e desenvolver este ano medidas de coeducación nos centros educativos da comunidade.

A última das mocións incluídas na orde do día presentouna o PP, solicitando que a Deputación da Coruña garanta que o Concello percibirá, como mínimo, a través do novo Plan Único, os mesmos fondos que recibía coas liñas de subvención que existían anteriormente. A iniciativa non saíu adiante.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies