Home / Ferrol / Narón / Narón, capital da camelia do 10 ao 11 de febreiro

Narón, capital da camelia do 10 ao 11 de febreiro

FERROL360 | Venres 2 febreiro 2018 | 11:02

Un ano máis, a fermosa flor da camelia exhibirase en Narón no marco da XIV edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón. O centro comercial Dolce Vita Odeón acollerá a cita, que terá lugar do 10 ao 11 de febreiro, e a que acudirán medio cento de participantes.

As concelleiras de Turismo e Festas, Natalia Hermida e Mar Gómez, respectivamente, presentaron o programa o xoves xunto co vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, Eusebio López, e o tesoureiro e o secretario desa entidade, Manuel Cruz e Manuel Pico, respectivamente.

A Mostra abrirase ás 9.00 horas do sábado día 10 e inclúe no seu programa o décimo Concurso de Flor de Camelia, no que se entregarán premios ás Mellores camelias japónica e reticulata, a mellor especie de camelia, o mellor híbrido de camelia, a mellor flor miniatura, o mellor cultivador-expositor e a mellor composición artística colectiva.

Ás 13.00 horas comezaranse a calificar os lotes presentados polas persoas que concursen neste certame e ás 14.30 horas haberá un descanso para o xantar. Pola tarde reabrirase a exposición ás 17.30 horas, coa inauguración oficial da Mostra e a continuación terá lugar o acto de entrega de premios aos gañadores do Concurso de Flor de Camelia.

A Mostra, na que haberá flores procedentes de particulares chegados de diferentes concellos galegos e doutras comunidades, poderá verse o sábado ata as 22.00 horas e reabrirase o domingo día 11 ás 10.00 horas. Este ano, tal e como avanzou López, asistirá tamén unha familia italiana de coleccionistas desta especie.

A partir das 10.30 horas está programada unha visita ao Xardín de Camelias de Xosé María Rivera Arnoso, no concello de Fene, para o que as persoas interesadas deben anotarse previamente contactando coa organización o mesmo sábado ou o domingo.

Os visitantes poderán ver alí un milleiro de variedades de camelias, que comparten espazo nunha ampla parcela con outras especies arbóreas procedentes de diversos países. A Mostra pechará as súas portas ás 18.00 horas.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*