FERROL360 | Venres 3 maio 2019 | 9:19
Todo listo en Narón para celebrar este sábado a Festa dos Maios cun completo programa de actividades. O Concello de Narón e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, organizan esta cita na que non faltará a tradicional alfombra floral, un desfile e música.
A programación comezará ás 11.00 horas na Praza de Galicia, donde como cada ano se procederá a elaborar unha gran alfombra floral cun deseño do artista naronés Leandro Lamas. Na decoración da mesma, unha vez deseñada, poderán participar todas aquelas persoas que o desexen.
Así mesmo, tamén pola mañá e na Praza de Galicia, haberá un obradoiro de arte floral, no que participarán aquelas persoas que solicitaron a realización destes obradoiros, impartidos por persoal do Padroado da Cultura.
Pola tarde, os Maios que desfilarán pola estrada de Castela –dende o local social de Piñeiros ata a Praza de Galicia- concentraranse ás 16.30 horas no Centro Cívico Social de Piñeiros, dende donde sairá a comitiva ás 17.00 horas. Unha vez cheguen á Praza de Galicia, sobre as 18.00 horas, terá lugar a recepción oficial, con música tradicional a cargo das Escolas Municipais do Padroado da Cultura.
Ao igual que en anteriores edicións, entidades veciñais da cidade, nesta ocasión a Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros, e a AVV Os Irmandiños, do Val, así como a Agrupación Veciñal de San Mateo, participarán nos obradoiros dos Maios que persoal do Padroado imparte nas parroquias.
En Piñeiros e no Val xa se iniciaron, se ben no caso de San Mateo o obradoiro terá lugar o vindeiro 8 de maio, por motivos de axenda. A maiores, estarán os maios realizados desde as asociacións veciñais Virxe de Fátima, de Freixeiro, e do Couto, a Asociación Semente de Trasancos, os nenos e nenas do Recuncho dos Pequechos, do Padroado da Cultura, o Taller de Construción de Instrumentos tamén do Padroado e persoas que os elaboraron a título individual.
Os escolares da cidade participan tamén activamente nesta festividade, donde se desenvolven obradoiros nos que participarán uns 1.100 escolares de educación Infantil e Primaria. Eles tamén levarán á festividade do sábado os seus propios Maios.
Desde o Concello de Narón piden desculpas polas molestias que poida ocasionar ao tráfico rodado o desfile previsto o sábado por un tramo da estrada de Castela –de Piñeiros ata a Praza de Galicia-.
Así mesmo, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anima ás veciñas e veciños a festexar a chegada da primavera con esta celebración, «gozando co traballo realizado desde as entidades veciñais e os colexios da cidade e tamén da música tradicional».