FERROL360 | Xoves 23 xuño 2016 | 8:52
Os peques de Narón e as súas familias teñen unha cita este sábado no Parque de Freixeiro para festexar a I Festa do Xogo, organizada polo Padroado da Cultura do Concello de Narón. Entre as 17:00 e as 20:00 horas desenvolverase un completo programa de actos lúdicos e didácticos para pasar unha tarde moi entretida.
Así, haberá talleres de chapas, de enredos con materiais da natureza e de papiroaeronáutica -cometas e avións de papel-; xogos xigantes e tradicionais –chave, pano, brilé, pillas, tiro de corda- e outros de tipo musical, cos que se fomentará a música tradicional galega.
A xornada completarase con exhibicións de xogos de maiores e espectáculos circenses como bicicletas de pequeño tamaño; monociclos, equilibrios –cable, rulo- e malabares –diábolo, bolas e mazas-.
«Trátase dunha festa na que desde o Concello apostamos por recuperar e fomentar os xogos tradicionais e, ao tempo, facer que os participantes utilicen o inxenio para a práctica dalgúns dos contemplados neste programa», asegura Marián Ferreiro, concelleira de Cultura.
Un grupo de artesáns participará activamente na convocatoria, cunha mostra de pezas de madeira e a construción, durante a tarde, de peóns, billardas e birlos ao canteiro, con torno e machada. Asimesmo, se poderán adquirir materiais de xogo, como chaves, aros, peóns, billardas e outras variedades.
Tamén haberá tempo para un contacontos, que correrá a cargo do poeta e monologuista galego Celso Sanmartín. A concelleira de Cultura destacou a variedade do programa, co que se aposta por «ofrecer á veciñanza unha tarde de ocio na que os nenos e nenas de diferentes idades poidan gozar de múltiples actividades e nas que tamén queremos que se impliquen os seus familiares».