Home / Sociedad / Tendencias / Gastronomía / Narón celebrará a XVIII Festa gastronómica do Pemento do Couto os días 16 e 17 de xullo

Narón celebrará a XVIII Festa gastronómica do Pemento do Couto os días 16 e 17 de xullo

FERROL360 | Mércores 6 xullo 2016 | 9:26

A parroquia naronesa do Couto acollerá os días 16 e 17 de xullo os actos do programa da décimo oitava edición da Festa gastronómica do Pemento do Couto. Actos enmarcados nas ‘Noites no mosteiro’ e na ‘Festa gastronómica’.

As concelleiras de Festas e Turismo, Mar Gómez e Natalia Hermida, respectivamente, foron as encargadas de presentar este martes o evento acompañadas polo xerente da Cooperativa do Val, José Castro, do presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, e do novo presidente da AVV do Couto, Ramón Francisco Couto.

A cita festiva dará comezo o 16 de xullo coas ‘Noites no mosteiro’, con concertos de música de cámara a cargo do grupo Musgalia entre as 22:30 e as 01:30 horas na capela do cenobio do Couto, con aforo limitado debido á súa capacidade. Ás 23:00 horas procederase a iluminar o exterior do recinto.

O programa continuará o domingo 17 de xullo coa apertura do Mercadiño de produtos ecolóxicos ás 10:00 horas na zona do aparcadoiro. As persoas que desexen acudir cos seus postos deben inscribirse -de balde- no Rexistro do Concello, cubrindo unha instancia que se pode recoller no Consistorio ou descargar na páxina web, en horario de 08.30 a 13.00 horas. É importante salientar que non se admitirá a exposición ou venta de ningunha clase de pementos.

Pregón e xuramento

Entre as 11:00 e as 13:00 e de 17:00 a 19:00 sucederanse varias visitas guiadas ao interior do cenobio, dunha duración duns corenta e cinco minutos cada unha e para grupos reducidos. A continuación, ás 13:00 horas, dará comezo a lectura do pregón a cargo da xornalista da TVG Raquel Fernández.

Trala súa intervención, sobre as 13:30 horas, procederase ao xuramento das Novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto. O representante da entidade, Tomás Casal, anunciou que este ano obterá o ‘Pemento de Honra’ Anselmo Beceiro, veciño da parroquia e expresidente da AVV do Couto.

«Depois de catorce anos á fronte da asociación e de moito traballo a prol desta festa e doutros eventos feitos sobre o pemento do Couto, consideramos que non podemos prescindir da súa experiencia e queremos integralo na Orde do Pemento do Couto», subliñou Casal Pita.

O tradicional xantar con churrasco, pementos do Couto e cachelos, pan, auga ou viño e café ao tizón comezará ás 14:00 horas. As persoas interesadas en comer baixo a carpa deben adquirir os tickets, a un prezo de 12 euros por persoa, no Concello –terceiro andar-, na Asociación de Veciños do Couto ou na Cooperativa do Val. Un grupo musical encargarase de amenizar a convocatoria a partir das 18:00 horas.

O xerente da Cooperativa do Val asegurou que os primeiros pementos do Couto «acaban de saír, debido a que o mal tempo retrasou as colleitas deste ano», e exaltou as cualidades deste produto da horta cultivado e comercializado desde Narón e con Indicación Xeográfica Protexida, o que constata a súa excelente calidade.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies