FERROL360 | Sábado 9 noviembre 2019 | 18:23
Preto dunha trintena de postos instalaranse este domingo no recinto feiral do Trece, na parroquia naronesa de Sedes, para participar na décimo novena edición da Feira do Mel e sector primario afín, que organiza o Concello de Narón.
No evento daranse cita quince postos de mel artesá e tamén haberá postos de embutidos, produtos da horta, artículos de traballo apícola e conservas. A Confraría de Barallobre contará un espazo propio e tamén se habilitará unha zona infantil para realizar obradoiros. A actividade da feira arrancará ás 11.00 horas e prolongarase ata as 20.00 horas.
Ás 12.00 horas terán lugar distintos obradoiros infantis de maquillaxes de fantasías e tamén sobre elaboración de candeas con cera. Asimesmo, haberá tempo para unha demostración gastronómica e degustación de diferentes elaboracións con porco celta e mel local.
A música non faltará da man do dúo de violín e violonchelo The Duellist, que interpretará temas de música de cámara e tamén bandas sonoras. A continuación, ás 18.00 horas, dará comezo un relatorio técnico con Xosé Manuel Durán Orús, licenciado en Ciencias Químicas pola USC e presidente da Asociación MENA para o fomento da bioapicultura.
Para pechar o evento, ás 19.00 horas, haberá unha minicata de mel, a cargo de persoal da Casa do Mel de Goente. Unha oportunidade para coñecer da man de profesionais como se distinguen as propiedades do mel, diferenciando a produción industrial da artesán e tamén o mel monofloral e multifloral. Esta actividade está aberta ao público en xeral.