Home / Sociedad / Entidades sociales / Narón celebrará este xoves unha nova edición do seu ‘Desfile solidario’

Narón celebrará este xoves unha nova edición do seu ‘Desfile solidario’

FERROL360 | Martes 5 xuño 2018 | 18:33

Un ano máis o Pazo da Cultura de Narón acollerá unha pasarela moi especial coa que colaborar cunha boa causa, ver as propostas dos comercios da localidade e gozar da mellor música da nosa comarca. O Desfile solidario contará coa participación da cedeiresa Irene Caruncho que cantará, asinará autógrafos e ademais se fará fotos coas persoas asistentes.

O Concello de Narón e a Asociación Centro de Recursos Solidarios colaboran nesta iniciativa, que comezará ás 20.00 horas, e para a que hai que doar, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedeiros ou unha prenda de roupa para poder asistir.

O evento comezará cun pase de roupa casual, con prendas da Asociación Dignidad e do Centro de Recursos Solidarios de Narón, e continuará coa actuación da cedeiresa Irene Caruncho. As persoas que o desexen poderán fotografarse no photocall da entrada e mesmo pedir autógrafos a Irene Caruncho, que interpretará varios temas durante o desfile.

O pase de roupa de festa precederá á entrega do diploma ao Colaborador do Ano, que este ano recaerá na Escola de Especialidades Antonio de Escaño. Desfilarán unha trintena de persoas adultas, de entre 15 e 75 anos e uns quince nenos e nenas de entre 3 e 14.

Trala proxección dun vídeo sobre o Centro de Recursos Solidarios procederase a sortear diferentes agasallos entre o público asistente, que poderá mercar as rifas para o sorteo, que se venderán a un euro. En total, sortearanse cinco comidas ou ceas para dúas persoas; un corte de pelo e peiteado e cinco bonos de spa, todo en establecementos colaboradores de Narón.

O artista Marcos Mella dará continuidade ao apartado musical, que contará tamén coa participación da Banda Infantil da Asociación Cultural Musical Sementeira e pechará o acto de novo Irene Caruncho, tralo pase de roupa nupcial.

Desde a organización indicaron que alumnado do IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol será o encargado de peitear e maquillar ás persoas que desfilarán neste evento solidario. Tamén se encargarán da maquillaxe corporal dunha das persoas convidadas, que se subirá ao escenario do Pazo para amosar o traballo realizado.

O presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González, agradeceu ao Concello e a todas aquelas persoas, entidades e establementos que colaboraron neste Desfile solidario.

A concelleira de Acción Social, Catalina García, animou ás veciñas e veciños a acudir a esta cita «para poder colaborar, no caso de ser posible, con esta asociación que atende a preto dun milleiro de persoas de Narón e tamén doutros concellos da comarca».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies