FERROL360 | Domingo 27 setembro 2015 | 16:43
O vindeiro 1 de outubro celébrase o Día Internacional das Persoas Maiores e o Concello de Narón festexará esta data cunha homenaxe ás persoas centenarias do municipio e máis con dous obradoiros sobre graffiti e manexo do móbil.
O acto central que celebrará o Concello terá lugar durante a xornada do 1 de outubro cunha recepción e visita institucional a modo de homenaxe ás persoas centenarias, que presidirán o alcalde, José Manuel Blanco, e a concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio.
Por outra banda, tamén está previsto desenvolver dous obradoiros dentro da programación de actos do Día Internacional das Persoas Maiores. Un será sobre graffiti e outro sobre o manexo do móbil intelixente e se levarán a cabo no mes de outubro en diferentes locais da terceira idade.
O cursiño sobre graffiti ten como obxectivo favorecer as relación interxeracionais a través da estimulación artística dos maiores. Así, con axuda de sprays e unhas plantillas aprenderán a decorar paredes e camisetas. Constará de catro sesións de hora e media de duración, pola mañá ou á tarde.
Mentres, o obradoiro de manexo do móbil intelixente servirá para ensinar aos maiores a desenvolverse con estes teléfonos e poder facer videochamadas, descargar aplicacións e cambiar as pantallas. Constará de cinco sesións tamén de hora e media e con horario pendente de fixar.
A concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, anima aos maiores da localidade a implicarse nestes obradoiros, «que axudarán aos asistentes, neste caso, a desterrar estereotipos sobre a idade a través das técnicas do graffiti e tamén a manexar diferentes aplicación dos móbiles, aproveitando así todas as posibilidades que ofrecen a día de hoxe os servizos de telefonía».