Home / Ferrol / Narón / Narón celebrou un obradoiro de seguridade viaria dirixido a persoas maiores

Narón celebrou un obradoiro de seguridade viaria dirixido a persoas maiores

FERROL360 | Venres 13 maio 2016 | 18:02

O Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros acolleu este venres un obradoiro de seguridade viaria dirixido aos maiores. A axente da Policía Local Sonia López, integrante do equipo de Seguridade Viaria do Concello de Narón, explicoulles aos asistentes unha serie de bos hábitos a adquirir como condutores e como viandantes.

López contou coa axuda de dous escolares de terceiro curso de Primaria do colexio Santiago Apóstol, Laura Lage e Iago Vidal, que tamén participaron na actividade explicando aos asistentes algunhas cuestións relacionadas coa seguridade viaria que eles mesmos aprenderon nas actividades realizadas co equipo de Seguridade Viaria de Narón.

O edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, subliñou que con este tipo de convocatorias «trátase de concienciar á cidadanía, independentemente da súa idade, da importancia de cumprir as normas de circulación, respectando os sinais de tráfico como condutores e como peatóns para evitar posibles accidentes».

Os participantes viron unha proxección na que se expoñían unha serie de situacións cotiás relacionadas coa circulación e o tránsito peonil e tamén abordaron as problemáticas máis frecuentes en materia de seguridade viaria.

Como condutores nalgúns casos e como acompañantes ou peóns noutros, os maiores implicáronse na actividade e atenderon ás explicacións ofrecidas pola axente e tamén ás recomendacións feitas polos dous escolares do Santiago Apóstol.

Sánchez Fojo lembrou que os maiores serán os protagonistas dos actos incluídos no programa da Semana da Mobilidade e Seguridade Viaria e Prevención, que se desenvolverá entre os días 23 e 29 de maio. Un obradoiro sobre hábitos de vida saudables, outro sobre Seguridade e Protección e unha camiñata formarán parte das actividades destinadas o primeiro día ao colectivo de persoas maiores.

O concelleiro de Seguridade Cidadá destacou o traballo que se realiza desde a área que preside a prol da seguridade viaria e tamén a implicación tanto dos maiores como do alumnado dos centros e dos diferentes colectivos sociais que participan ao longo do ano nas diferentes actividades programadas desde o Concello sobre esta temática.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies