Home / Ferrol / Narón / Narón conmemora o Día Mundial da Auga cun circuíto de experimentos para os peques

Narón conmemora o Día Mundial da Auga cun circuíto de experimentos para os peques

FERROL360 | Sábado 23 marzo 2019 | 00:00

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, presentaron este venres xunto coa xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz, os actos cos que se conmemorará o Día Mundial da Auga este sábado. Así, no centro comercial se desenvolverá un circuíto de experimentos para os peques da casa entre as 18.00 e as 20.00 horas.

Para participar tan só será preciso dirixirse á prazoleta central, na que terá lugar a actividade, e facilitar uns datos para poder realizar as diferentes propostas. Científicos de «Ciencia Divertida» encargaranse de organizar un completo circuíto de actividades dirixidas ao colectivo, todas elas vencelladas coa auga.

A actividade é de balde e os participantes recibirán como agasallo unha botella reutilizable. «Os rapaces e rapazas terán a oportunidade de adquirir unha serie de coñecementos e, ao mesmo tempo, realizar experimentos científicos moi divertidos, adaptados ás súas idades e que espertarán a súa curiosidade pola ciencia», avanzou Ferreiro.

Cristina Imaz destacou tamén que ao tempo que se trata dunha actividade lúdica «estes experimentos axudan a concienciar sobre a importancia da auga no planeta e tamén a importancia de que a coidemos».

«Coidado! Non potable» é o título do primeiro experimento, relacionado coa química e no que se amosará a necesidade de potabilizar a auga e tamén de economizar o seu consumo.

Así mesmo, haberá unha segunda proposta, de carácter físico, «Coidado! Desxeo», na que se amosarán as consecuencias do quentamento global e a contaminación. Finalmente, os asistentes terán a oportunidade de comprobar en primeira persoa que o corpo humano é un «circuíto divertido».

Para iso axudaranse do xerador de electricidade estática Van de Graff para experimentar unha serie de reaccións que lles explicarán os científicos de «Ciencia Divertida». Os rapaces e rapazas realizarán o circuíto de experimentos en grupos durante un tempo aproximado de vinte minutos.

Ferreiro destacou a importancia de «concienciar á poboación en xeral, e en particular con esta actividade aos nenos e nenas, sobre a necesidade de facer un uso responsable e racional da auga».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*