Home / Sociedad / Educación / Narón constitúe o Consello de Participación Infantil formado por unha vintena de escolares

Narón constitúe o Consello de Participación Infantil formado por unha vintena de escolares

Consello de Participación Infantil de Narón (foto: Concello de Narón)
Consello de Participación Infantil de Narón (foto: Concello de Narón)

FERROL360 | Sábado 19 outubro 2019 | 14:27

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu o pasado venres un pleno moi particular, o de constitución do Consello de Participación Infantil, ao que tamén asistiu o secretario municipal, Alfonso de Prado.

Así, o Concello da por constituido o Consello de Participación Infantil, no que participaron un total de vinte escolares de quinto e sexto de primaria e de cuarto de dez centros de ensino da cidade ocuparon os asentos reservados para os concelleiros e concelleiras para proceder a constituír este novo organismo consultivo.

A iniciativa responde ao proxecto «Cidade dos Nenos», impulsada por Francesco Tonucci no ano 1991 e á que se adheriu o Concello de Narón no 2015.

Á convocatoria acudiron os dous axentes do equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, e tamén representantes da corporación local e persoal dos centros de ensino que participa nesta actividade.

«O Consello de Participación constitúese a modo de experiencia de educación cívica para que os nenos e nenas entendan tamén o funcionamento da administración local, implicándoos no mesmo dun xeito activo e moi participativo», indicou Ferreiro que tamén aproveitou para darlles a benvida aos escolares.

Cun único punto na orde do día, a constitución do Consello de Participación Infantil de Narón, iniciouse a sesión, na que se constituíu a Mesa de Idade cos escolares de maior e menor idade, e o secretario municipal de cara á constitución oficial do citado organismo.

Representación escolar

Ademais, os menores xuraron ou prometeron formalmente o seu cargo como conselleiros e a rexedora como máxima representante do Concello, entregoulles unha medalla na que se oficializaba o cargo, en representación do resto de escolares de Narón.

Os integrantes do Consello de Participación Infantil de Narón son: Daniela Camiña Nogueira, Uxía César López, Hugo Díaz Martínez, Gabriel Dopico Saavedra, Xoél Durán Martínez, Alba Fernández Piñeiro, Gabriel Filgueira Franco, Iago Ignacio García, Martín Mauriz Barro, Ainara Moré Fernández, Irene Montero Fraga, Sara Núñez Portela, Inés Pérez Martínez, Ernesto Porto González, Martín Puentes Romeu, Iria Sánchez Sánchez, Daniel Santos Lago, Iker Sayar Martínez, Melani Tejada Serna e Antía Triñanes Parapar.

No organismo está representado alumnado dos colexios Ayala, CRA do Val, O Feal, A Gándara, Jorge Juan, Piñeiros, Ponte de Xuvia, Santiago Apóstol, A Solaina e Virxe do Mar.

O traballo dos integrantes do Consello de Participación Infantil continuará a partir de hoxe nas aulas, con debates sobre dous bloques con propostas que se recollerán en fichas en cada centro.

Entre todas e todos porán en común as propostas e presentarán un total de vinte, unha por tema e centro. Os escolares continuarán desenvolvendo o calendario de actividades nos seus respectivos colexios ata o mes de maio, para elaborar en xuño un informe final.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies