FERROL360 | Venres 18 setembro 2015 | 15:36
O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, explicou este venres que o goberno local quere levar a cabo un cambio de usos no modificado de crédito, aprobado o pasado mes de xullo, para realizar diferentes investimentos entre os que se atopa a redacción do Plan de Mobilidade.
O edil presentou esta proposta na Comisión de Contratación, Persoal e Especial de Contas e irá ao Pleno ordinario de fin de mes. Trátase dunha partida total de 190.445 euros, que retirarase do global destinado no modificado de crédito á amortización de débeda, que contará con 70.444 euros menos, e do Plan de mellora de servizos e pavimento de rúas, que se reducirá en 120.000 euros.
Villamar asegurou que «aínda que a contía poida parecer pequena, ten bastante importancia, porque vai permitir atender a unha serie de convenios deportivos e realizar pequenas actuacións». En todo caso, o máis destacable para o concelleiro é «que vai dar inicio á contratación do Plan de Mobilidade, que é un dos grandes compromisos do grupo de goberno de Narón para este mandato».
Os cambios permitirán ademais destinar partidas importantes para a mellora de servizos e pavimentación de rúas en zonas urbanas. Dos 190.445 euros da partida total, 60.500 destinaranse á contratación do Plan de Mobilidade, sendo este o investimento máis elevado dos previstos con cargo a este cambio de usos do modificado de crédito.
Villamar tamén explicou que resérvanse 50.905 euros para diversos proxectos; 13.000 para o pintado e zócalo do Pazo da Cultura; 15.000 para unha rampa na antiga escola de San Mateo; 6.000 para a área de Bibliotecas e 45.095 para convenios co Club Cidade de Narón, 30.000 euros, e co Club de Baloncesto Santiago Apóstol, 15.095 euros.