FERROL360 | Martes 23 xuño 2015 | 20:12
A Xunta de Galicia elixiu aos Concellos de Narón, Vilalba, Ribadavia, Caldas e Santiago para formar parte dun programa sobre Emerxencias impulsado pola administración autonómica e financiado con fondos da Unión Europea, no que tamén se implicarán entidades italianas e inglesas.
A iniciativa, que se levará a cabo entre 2015 e 2016, aposta por fortalecer as medidas de prevención e resposta dispoñendo dunha política de planificación da prevención idónea neses casos. Así, a través de cursos online definiranse estratexias flexibles e aplicaranse unha serie de coñecementos sobre o mellor xeito de afrontar situacións de emerxencia e desastres naturais.
Guillermo Sánchez Fojo, edil de Protección Civil e Seguridade Cidadá participou este martes no acto de presentación do programa e indicou que «para este Concello a seguridade foi e será sempre unha prioridade porque temos moi claro que é necesario previr antes de lamentar». O concelleiro incidiu na importancia de que se sumen ao proxecto entidades da zona norte de Portugal.
O programa permitirá elaborar un mapa cos puntos máis críticos en cada concello para definir estratexias axeitadas en situacións de crise e no mesmo participarán expertos dos cinco municipios galegos e tamén representantes de diferentes áreas das administracións locais.
No caso de Narón, persoal de Protección Civil, Policía Local e outros departamentos como Emerxencias de Narón ou Educación Vial cubriron unha enquisa con 112 preguntas para valorar varias cuestións relacionadas co tema da seguridade no municipio. A previsión é implantar os resultados a partir de xaneiro do 2016.