FERROL360 | Venres 14 outubro 2016 | 10:47
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinará ata finais deste mes un total de sesenta e nove convenios con entidades de diferentes áreas por un importe conxunto de 779.098 euros. Este xoves o rexedor asinou os primeiros 17 convenios por un importe global de 122.300 euros.
«Con este tipo de axudas económicas desde o goberno local queremos continuar apostando pola calidade dos servizos que se prestan desde as diferentes entidades e tamén recoñecer a súa labor ano tras ano nas diferentes áreas», afirmou Blanco.
No ámbito dos servizos sociais asináronse convenios con Aspaneps, Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol e a Fundación Terra de Trasancos, que recibirán 15.000 euros cada unha. Aspanaes recibirá 12.000 euros e a Asociación Síndrome de Down Teima 10.000. A Asociación Dignidad Galicia e Cruz Vermella Española asinaron convenios por un total de 8.000 euros cada unha.
Mentres, para Cogami e para a Asociación de Veciños Chafarís destinanse 6.000 para cada unha. Recibirán 5.300 euros a Asociación de Veciños Virxe de Fátima e 5.000 euros Asfedro e tamén a Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui.
A Fundación Santo Hospital da Caridade asinou un convenio por valor de 4.000 euros, de 2.500 o Colexio Rural Agrupado de Narón, 2.000 Almat e a Asociación Ledicia Cativa, e 1.500 para o Patronato Concepción Arenal.
Igualdade, cooperación e Maiores
Neste apartado, asinaron os convenios o Consorcio Galego do Servizo de Igualdade e Benestar e o Colexio Rural Agrupado de Narón, que suman en total unha achega de 62.500 euros. En materia de Igualdade, Maiores e Promoción Social destínanse 97.000 euros para os convenios e un total de 91.500 para as áreas de Acción Social e Dependencia.
Para convenios de Salubridade Pública e actividades medioambientais resérvanse 66.000 euros e 42.000 adicaranse para Infraestruturas e Promoción Económica. Por úlimo, 11.300 euros serán para Participación Cidadá, 3.000 para Promoción Turística -para un convenio coa Universidade- e 2.000 para Urbanismo, Patrimonio e Medio Ambiente.
A maiores, resérvanse 33.000 euros para os convenios relativos ao departamento de Cultura e ós da Concellería de Deportes, que suman 370.798,16 euros. «Desde o goberno local continuaremos apostando por dous dos pilares fundamentais no noso Concello, que non son outros que a Cultura e o Deporte, pero sen descoidar ao resto de entidades que traballan coa veciñanza», recalcou Blanco.
O alcalde presidiu a convocatoria, á que tamén acudiron os edís de Cultura, Marián Ferreiro; Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo; Participación Cidadá e Acción Social, Catalina García; Sanidade e Medio Ambiente, Octavio Dopico e Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, así como representantes das asociacións.