FERROL360 | Venres 6 novembro 2015 | 10:54
O Pleno de Neda aprobou por unanimidade rebaixar o IBI do 0,60 ao 0,58 % e ampliar as exencións do rodaxe a vehículos de 35 a 25 anos de antigüidade. O goberno local tamén propuxo paralizar as subidas dos valores catastrais previstas ata 2018 e que terá efectos prácticos a partires de 2016.
«Queremos cumprir coa nosa palabra e que as melloras fiscais cheguen ás familias de Neda», afirmou o alcalde Ángel Alvariño que lembrou que este foi un compromiso acadado coa veciñanza.
Alvariño destacou que as medidas aprobadas son «xustas e positivas» e que a intención do goberno local é continuar nese camiño. Así, avanzou que estudarán novas bonificacións fiscais para 2017 coas que queren baixar de novo o tipo impositivo e tamén para as familias necesitadas.
Con todo, o rexedor fixo unha chamada á prudencia e dixo que o goberno local quere coñecer polo miúdo o proceso de regularización iniciado polo anterior goberno e adaptarse a lei de estabilidade orzamentaria.
Emenda de MOVENEDA
O grupo municipal de MOVENEDA informa que presentaron unha emenda ás bonificacións cunha lista de propostas de marcado carácter social. En todo caso, indican que a proposta está paralizada á espera do informe dos técnicos sobre o impacto que terían sobre a estabilidade orzamentaria.
Se as medidas contan coa luz verde dos técnicos municipais, o goberno local comprometeuse a aplicar estas propostas nos vindeiros exercicios.