Home / Ferrol / Neda / Neda quenta os fornos para celebrar esta fin de semana a XXVII Festa do Pan

Neda quenta os fornos para celebrar esta fin de semana a XXVII Festa do Pan

FERROL360 | Venres 4 setembro 2015 | 13:59

A estas horas, en realidade a calquer hora, que ben senta un pinchito acompañado de bo pan. Non de pan conxelado, non. De pan de verdade. Ese que está ben amasado, que tivo o seu tempo de reposo e os minutos xustos e precisos de forneado. Pan feito con auga do Belelle. Ese, ese si que sabe ben.

En Neda elabórase un dos mellores panes do país e por iso a súa Festa do Pan, que esta fin de semana chega a súa XXVII edición, congrega cada ano a miles de visitantes para gozar dun evento declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia.

O programa de actividades arranca este sábado coa Ruta dos Muíños, que sairá do Adro da Igrexa de Santa María ás 10:00 horas e ten unha duración de catro horas. Xa pola noite, ás 21:00 horas, o paseo martítimo de Xuvia encherase de música coa Noite de Bolos, na que actuarán os grupos Toxos Bravos, Tardepiache e Transilvanians.

Esta actuación con tres grupos e pensada para a xente moza é unha novidade no programa, segundo explica Helena Pardo. «Empezarán os Toxos Bravos, que son xente moi noviña de Neda, logo Tardepiache que xa teñen moito percorrido e finalmente Transilvanians que é o prato forte», explica Pardo.

A xornada forte

domingo 6 de setembro ven cargado de actividades para todos os gustos e pensada para toda a familia. Así, ás 10:00 horas abrirán as panaderías cos puntos de venda no paseo marítimo, onde tamén haberá feira de artesanía e de produtos ecolóxicos. A continuación, ás 11:00 horas, a Banda de Gaitas Terra de Trasancos porá a música á festa e seguiralle ás 12:00 horas a charanga Vai de Baile.

O pregón, que este ano correrá a cargo de Leandro Lamas, será ás 12:30 horas e a continuación farase entrega dos premios da Ruta do Pincho. Los Zares amenizarán a sesión vermú e ás 13:30 horas está previsto que comece o xantar con menú de empanada, arroz, churrasco, pan, doce, viño, café e auga a un prezo de 12 euros.

A tarde será o momento máis esperado polos pequenos, xa que para eles haberá diferentes xogos infantís. Ás 16:30 horas volve a música coa charanga Vai de Baile e ás 18:00 horas tocaralle o turno á Banda de Gaitas Airiños de Fene con grupo de baile e coro. Os encargados de pechar a festa serán os compoñentes do grupo Band D´Bolo, a partires das 20:00 horas.

En principio parece que o tempo vai acompañar durante esta fin de semana, pero para no deixar nada á sorte o Concello instalará unha carpa grande por se as predicións meteorolóxicas non se cumplen. Así que a festa está asegurada e coma todos os anos espérase unha grande afluencia xa que a concelleira indica que «poden pasar polo recinto máis de 10.000 persoas ao longo do día».

Atendendo ao programa podemos comprobar que hai actividades para toda a familia, un punto que Helena Pardo destaca sinalando que «intentamos cubrir todas as franxas de idades cunha oferta variada que manteña á xente a gusto e desfrutando na Festa do Pan».

Desde o Concello de Neda convidan a todos os veciños do municipio, da comarca e do país a acudir á Festa do Pan porque «temos o mellor pan que se pode pedir e temos moitos máis produtos elaborados nas panaderías que son unha delicia», afirma Pardo. Anima a todos os indecisos asegurando que «van gozar do día, dos produtos, da compaña da xente, da música e da festa».

Así que xa sabedes, se queredes gozar dunha fin de semana chea de música, gastronomía, actividades, festa rachada e sobre todo, moito pan, non podedes faltar á XXVII Festa do Pan de Neda.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies