Home / Cultura / Neda sinalizará 20 elementos do patrimonio do casco histórico da vila

Neda sinalizará 20 elementos do patrimonio do casco histórico da vila

Casco histórico de Neda (foto: Xunta de Galicia)
Casco histórico de Neda (foto: Xunta de Galicia)

FERROL360 | Venres 12 abril 2019 | 9:48

O goberno de Neda acomete por primeira vez a sinalización do casco histórico da vila. Un total de 20 elementos, entre sinais, paneis e placas, advertirán a turistas, peregrinos e mesmo veciños das riquezas patrimoniais da localidade.

Materiais como o aceiro e o aluminio garantirán a permanencia no tempo dunhas estruturas de liñas simples e con textos escritos en galego, castelán e inglés acompañados dunha imaxe do elemento do que se trate.

Entre outros, prevese a instalación de sinais informativas na igrexa e praza de Santa María, no cruceiro e fonte da Cruz, na torre do Reloxo, na igrexa e cruceiro de San Nicolás, na Casa das Palmeiras e casa e praza Rectoral.

O proxecto tamén inclúe a colocación de dous paneis de grandes dimensións para aqueles visitantes que accedan ao municipio a través da ponte de Xuvia. En cada sentido, os viaxeiros atoparanse cun saúdo de benvida escrito en máis de vinte idiomas, con información relativa aos quilómetros e etapas do Camiño Inglés e cun mapa do casco histórico para que se acheguen a el.

A sinalización completarase coa instalación dunha placa de bronce suxeita ao chan para advertir da presenza do cano medieval, construído no século XII, que aínda se conserva, así como outra estrutura de similares características, pero esta feita en metacrilato, para transmitir información respecto ás casas con soportais tan características da vila de Neda.

O orzamento para levar adiante a iniciativa, aprobada recentemente en Xunta de Goberno, ascende a 14.600 euros. Ofrecer información de interese cultural, dar unha visión de conxunto á riqueza patrimonial do casco histórico e orientar aos visitantes cara os principais recursos están entre os obxectivos que o goberno de Neda trata de conseguir coa realización da primeira sinalización do casco histórico.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*