Home / REC360 / Crónica / Nenos e adultos pásano moi ben no concerto de Pitusa Semifusa porque é moi participativo, di a súa autora

Nenos e adultos pásano moi ben no concerto de Pitusa Semifusa porque é moi participativo, di a súa autora

REBECA COLLADO | Ferrol | Mércores 23 decembro 2015 | 9:34

O concerto de Pitusa Semifusa deste domingo no teatro Jofre é case un éxito sen ter aínda acontecido. Nunhas horas esgotáronse as entradas para a actuación, motivo polo cal a Concellería de Participación e Normalización Lingüística de Ferrol decidiu ampliar cun segundo pase esta función para que ningún peque se que sen coñecer a Pitusa.

A Concellería pon a disposición dos veciños 556 novas entradas de balde, que se poden recoller na billeteira do teatro para o pase das 17:00 horas. Os interesados poden retirar as invitacións ese mércores de 17:00 a 19:00 horas, este xoves de 11:00 a 13:00, o sábado de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00, e por último, o domingo de 11:00 a 13:00 e a partires das 16:00 horas. A segunda actuación, para a que xa non hai entradas, terá lugar ás 18:30 horas.

Pitusa Semifusa é unha nena que quere saber moito dos instrumentos musicais e a súa avoa, coa axuda do irmán de Pitusa, ensínalle a diferenciar as familias de instrumentos, a tocalos e tamén a bailar ao seu son.

Este concerto didáctico baséase no libro-disco editado por Galaxia da música e profesora Olga Brañas, que explica que inspirouse nos seus alumnos de 3 e 4 anos para idear este proxecto. «A idea nace da necesidade didáctica de explicarlles aos máis pequenos os instrumentos, as súas características e a que familia pertence», comenta.

Concerto participativo

Cal é a mellor forma de explicar algo e aprendelo? Practicando, así que os peques serán unha peza moi importante da actuación e terán que tocar diferentes instrumentos de xoguete como unha arpa, o violín, o contrabaixo, ou o saxofón.

Olga indica que os nenos son parte moi activa do concerto e sempre buscan a súa implicación. «Hai unha peza na que suben a tocar cinco nenos, na seguinte bailarán unha conga, na seguinte xa suben 12 ou 15, e logo suben todos para bailar», así que a diversión está asegurada, sinala a autora do proxecto.

Trátase dun espectáculo moi visual e participativo, con cancións pegadizas, sinxelas de aprender, e por iso «gusta tanto a nenos como adultos, porque o espectáculo é moi participativo», explica Olga Brañas. Ademais, é unha función curtiña para que os peques non se cansen. Dura 50 minutos nos que estarán moi entretidos.

A autora de Pitusa Semifusa comenta que este concerto está pensado para que podan participar nenos moi pequerrechos, «que aínda non teñen moita coordinación, porque non é para bailar coreografías cun ritmo definido». Trátase dun aspecto diferenciador deste proxecto, xa que a música infantil normalmente está indicada para nenos de a partir de seis anos en adiante. En todo caso, Pitusa Semifusa é perfectamente válido para nenos de 6 a 8 anos.

O disco de Pitusa Semifusa estará á venda no teatro Jofre e tamén estará dispoñibles unhas chapas ilustradas por Leandro Lamas.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies