FERROL360 | Venres 4 outubro 2019 | 19:08
O Pazo da Cultura acollerá entre neste último trimestre do ano un total de nove espectáculos dirixidos ao público infantil. Teatro xestual, música, circo, comedia, monicreques e ópera forman parte das propostas desta programación, organizada en colaboración, entre outros, coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Agadic e a Deputación da Coruña.
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou o feito de que «as compañías galegas teñen un papel moi destacado na programación deste último trimestre do ano, no que é unha aposta do Padroado da Cultura por continuar apoiando o gran traballo que na área cultural se está levando a cabo dende hai anos en Galicia».
Este domingo a compañía Avento Producións representará a obra Hansel e Gretel, a partir das 18.00 horas. Trátase dunha comedia musical, de case unha hora de duración e en galego dirixida a público familiar e infantil, a partir de 3 anos.
A vindeira cita será o venres 11 de setembro, ás 20.30, co concerto No Camiño, do grupo Setestrelo. Trátase dunha presentación en galego, teatralizada, canto e música na que se realiza un percorrido polos diversos Camiños de Santiago que entran en Galicia.
A última proposta deste mes será o espectáculo La banda del otro-Yee Haw, da compañía Hermanos inconfundibles. Poderá verse o 20 de setembro, ás 18.00 horas e diríxese a todos os públicos.
No mes seguinte a programación comezará coa compañía Teatro do Noroeste, que o día 3 de novembro, ás 18.00 horas, representa o espectáculo Animais de compañía, en galego e para público infantil a partir de 6 anos.
A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, da compañía A xanela do Maxín, poderá verse o día 17 de novembro no Café Teatro do Pazo da Cultura ás 18.00 horas e diríxese a público infantil a partir de 2 anos.
O día 24 de novembro poderá verse Ñam!, de Caramuxo Teatro, ás 18.00 horas no Café Teatro do Pazo. Esta comedia está dirixida a bebés a partir de 1 ano. É un espectáculo moi visual e no que o teatro se mistura coa danza en clave de comedia e centrado no mundo da cociña, prestando especial atención a todos os sentidos.
Xa o 1 de decembro terá lugar El viaje de Ulises, de Teatro Gorakada, a partir das 18.00 horas. A temática xira sobre a viaxe de Ulises como metáfora da vida, a loita contra as dificultades e como resolvelas, coas aventuras moi presentes e os xogos compartidos.
A ópera será a protagonista o día 7 de decembro, ás 20.00 horas, con O loro de Carlos V, da Ópera infantil coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Spiridon, o loro favorito do emperador escapou e ninguén se atreve a dicirllo ao monarca pero acaba enterándose e ofrece unha recompensa a quen o atope, que será unha parella de labregos.
O último dos espectáculos programados é El Pekemusical de la Navidad, o día 20 de decembro, ás 18.00 horas. A compañía Tertulia Producción traerá ao Pazo este espectáculo, centrado no Nadal.
As entradas para estes espectáculos poden adquirirse na billeteira do Pazo, de luns a venres enre as 9.30 e as 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas e os sábados de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 ou a través da web do Padroado da Cultura.