Home / Eume / As Pontes / O acordeonista pontés Andrés Penabad estrea o seu primeiro disco este sábado

O acordeonista pontés Andrés Penabad estrea o seu primeiro disco este sábado

ARY LÓPEZ | Venres 14 marzo 2014 | 09:50

Non hai moitos meses, escoitei facer soar o acordeón dunha maneira brilante. Foi nunha desas repichocas que se celebran nun bar arredor da xente, xurdidas da improvisación dos músicos e aloumiñadas coa calor do público.

Entre eles estaba un rapaz loiro de ollos claros. Que maneira de tocar aquela caixa de vento con teclado! Era Andrés Penabad, pero o seu nome sóubeno máis tarde cando me enterei de que estaba preparando o seu primeiro disco en solitario.

Crossing é o título dun álbum de música folk, feito a man por artistas como Bieito Romero, Fernando Barroso -quen tamén produce-, Davide Salvado, Pedro Fariñas, Edelmiro Fernández ou Kepa Junquera. Gravado entre os meses de novembro e decembro, foi mesturado en xaneiro e este vindeiro sábado 15 de marzo, Andrés Penabad será recibido polo público que devece por escoitalo en directo. Presentará o seu traballo a partir das oito da tarde no auditorio do cine Alovi, na súa vila de As Pontes. As entradas para asistir á estrea custan 3 euros e estarán dispoñibles o propio sábado, de 12:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 horas.

Pero antes, Andrés Penabad fixo un oco para falar con Ferrol360 no medio dos preparativos dunha estrea moi agardada.

FERROL360 – Onde se xestou en realidade Crossing? Foi quizais nalgunhas desas repichocas tan habituais na Cova Céltica da Coruña?
ANDRÉS PENABAD – Bueno, en realidade xa era un proxecto que tiña eu en mente despois de tocar con outros grupos e atopei o momento para dar o salto pola miña conta.

360 – A que fai referencia o título?
AP – Crossing é tamén o nome dun dos temas e pareceume axeitado para facer referencia á miña andaina en solitario.

360 – A que soa Crossing? Porque nel podemos atopar por exemplo algo tan curioso como unha xota con sintonía de teclado midi.
AP – O mérito deste disco foi darlle unha coherencia e variedade. Nel conto con colaboradores que aínda que fan folk teñen estilos distintos. Por exemplo, Davide Salvado ten outro rexistro e digamos que o importante do disco é atoparlle un sentido, o cal penso que conseguimos acadar.

360 – Polo de agora coñecemos un primeiro single (Jota da praza da pedra), un segundo tema (Crossing) do que saiu o primeiro videoclip… E para non estrearse aínda, o disco xa está tendo unha importante repercusión.
AP – A verdade é que tivo moi boa aceptación, tanto a xota como Crossing nos primeiros días xa pasaban das 3.000 reproducións. Para un proxecto novo está bastante ben.

Andrés Penabad e os membros da súa banda (PixelinPhoto)

Andrés Penabad e os membros da súa banda (foto: PixelinPhoto)

'Crossing', o primeiro disco en solitario de Andrés Penabad, será presentado este sábado no Cine Alovi de As Pontes (PixelinPhoto)

‘Crossing’, o primeiro disco en solitario de Andrés Penabad, será presentado este sábado no cine Alovi de As Pontes (foto: PixelinPhoto)

360 – Cales son os teus guías musicais?
AP – Bieito é como o meu padriño porque foi o que me aconsellou, o que me apoiou e me indicou o camiño que debía seguir e do cal me sinto tremendamente orgulloso. Logo tamén lle estou agradecido a tódolos colaboradores, tanto a Kepa como a Ramón Dopico, Fernando Barroso e aos demais membros da banda.

360 – Como consegue alguén que estrea primeiro disco en solitario rodearse de grandes mestres coma Kepa Junquera, Davide Salvado ou Bieito Romero? Como foi a experiencia?
AP – En tódolos anos que levo enriba do escenario fun coñecendo a grandes músicos que ademais agora son xa grandes amigos e dende o momento en que decidín empezar este proxecto sempre se volcaron comigo, e a verdade é que así da gusto traballar.

360 – Que houbo antes de Andrés Penabad en solitario?
AP – Botei dez anos no grupo pontés Muxarega, cos que gravei e producin o seu primeiro disco, e esa foi a miña primeira toma de contacto dentro do folk. Despois tamén colaborei con Kepa Junquera no Festival de Pardiñas e co tempo fun atopando máis xente non só en Galicia, senón tamén no estranxeiro que a día de hoxe son grandes amigos meus.

360 – Formas parte dalgunha outra agrupación musical?
AP – Non, a día de hoxe estou centrado neste proxecto. Salvo algunha colaboración puntual, como por exemplo en xaneiro, estiven gravando o último disco de Ultraqäns.

360 – Tamén impartes clases de acordeón nunha escola que leva o teu nome. Que che din os teus alumnos? Pregaranche que non deixes de darlles clase malia estrear disco…
AP – Eu creo que están encantados e eu con eles. Teño uns alumnos que son moi comprensivos e, á hora de cambiar os horarios, todo este tempo que estiven gravando sempre me puxeron todo moi doado.

360 – Como poderás compaxinar dende agora os concertos, os ensaios, as clases…?
AP – É complicado compaxinar todo pero querendo, pódese facer.

360 – Vai haber sorpresas nas Pontes? Algún invitado especial?
AP – O ideal sería que estiveran todos os colaboradores pero por problemas de axenda faltarán algúns, pero si estarán a maioría.

360 – Onde che gustaría tocar nesta xira de presentacion de Crossing? Hai algún lugar ou festival no que soñaches con poder actuar algunha vez?
AP – A verdade é que sempre tiven sorte e nos festivais que planeei tocar sempre o fixen. Penso que o importante agora é seguir con esta xira de promoción e intentar pisar pouquiño a pouquiño facendo o camiño.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies