FERROL360 | Domingo 10 xaneiro 2016 | 12:00
A un pasiño está o Aldebarán de gañar a Copa Príncipe de Volei. Este sábado meteuse na final, que disputará ás 12:00 horas deste domingo contra o FC Barcelona, despois de gañar ao Hotel Río Carnaval de Badajoz.
O FC Barcelona fixo o propio contra o Can Ventura Palma, o máximo favorito e líder da SM2. O FC Barcelona ben situado e preciso, tanto en recepción como en ataque, plantoulle cara ao líder e fíxose coa vitoria.
As bancadas do pavillón municipal de San Sansadurniño cheáronse para ver o encontro entre o Aldebarán e o Badajoz. O público caldeou o ambiente á espera dun partido histórico para os locais.
O cadro dirixido polo tamén xogador Manuel Blanco saiu a rebentar a pelota. Iso si, con sentido do empaque e cunha sincronía perfecta no movemento de todos os elementos sobre a pista. O primeiro set foi para os locais, pero o Badajoz puxeron terra por medio no segundo, con ata cinco puntos de diferencia.
Lonxe de desbaratarse, o equipo local arrepúxose e ao pouco tempo situaríase 19 a 19. A partir de aí, acadaron a vitoria no set por 25 tantos a 20. O terceiro comezou con vantaxe para o Badajoz e cun Aldebarán que foi loitando os puntos ata chegar a un empate a oitos que mesmo chegaría a romperse en favor dos da casa.
Pero non sería unha tendencia sostida. En vez diso o marcador foi subindo en cremalleira presaxiando un final de set axustado que, sen embargo, tampouco sería unha constante. De feito, varios erros decantaron o marcador final a favor do Badajoz por 19 a 25.
Dous sets a un
No seguinte set, os visitantes chegaron a poñerse 11-11, logo 11-12, despois 12-12 e un potente mate de Uxío supuxo o adianto 13-12. Foi o punto crucial para que o Aldebarán recuperase unha confianza que, se cadra, non perdera pero que non mostraba, ao mellor, como estratexia.
O xogo continuou evolucionando e o Hotel Río Carnaval conseguiu virar a situación ata chegar ao empate cando só quedaban 5 puntos por xogar. O ambiente do pavillón foi un sinvivir para a afección local, volcada ao cento por cento co seu equipo.
O Badajoz tería na man forzar un quinto set. Pero o Aldebarán tivo claro que era agora ou nunca, que non podía chegarse a outro xogo de final incerto. Así, detivo en seco o marcador contrario e conseguiu unha bóla de partido que, sen embargo, non lle deu rendemento.
Pouco despois, segunda bóla. E, desta vez si, Fran machacou o balón e tamén as posibilidades do Badajoz de obter posto na final deste domingo. Vitoria polo tanto do Aldebarán por 27 tantos a 25 (3 sets a 1) que lle deu o pase ao que, gane ou perda, será o partido máis importante nos seus case 24 anos de historia como clube.