FERROL360 | Xoves 14 decembro 2017 | 11:24
O vindeiro sábado 23 de decembro terá lugar a Ruada do Apalpador polos barrios de Esteiro e A Madalena, a partires das 16.30 horas. A Concellería de Cultura e Festas apoia por segundo ano consecutivo esta iniciativa da Fundaçom Artábria para dar a coñecer a mítica figura do vello carboeiro do Courel. Unha das tradicións propias do Nadal galego.
«O Concello ten a obriga de traballar tamén pola recuperación antropolóxica e cultural das nosas raíces onde ten cabida a figura do Apalpador», salientou o concelleiro de Cultura e Festas, Suso Basterrechea, na presentación da actividade. Para promover o seu coñecemento entre os peques, editáronse 5.000 postais para que os nenos remitan os seus desexos de Nadal ao Apalpador.
Ademais da Ruada, o Apalpador visita estes días os colexios e centros educativos que o solicitaron para pasar uns minutos co alumnado. A Fundación Artábria organiza esta actividade e para solicitar as visitas hai que contactar coa entidad, que colabora de xeito altruísta neste labor.
O alumnado do CEIP de Pazos e do Juan de Lángara xa recibiron a visita do carboeiro, que ten pendente unha visita ao CEIP Manuel Masdías. Precisamente para os estudantes das comarcas hai en marcha o V Concurso Escolar ‘Conhecendo ao Apalpador’.
O Apalpador é a figura mítica dun carboeiro que, tal e como indica a tradición, nas zonas do leste de Galicia baixa das montañas a noite do 24 ou do 31 de decembro para apalpar o ventre dos nenos e comprobar se comeron ben durante todo o ano e así deixarles un montón de castañas, algún agasallo e bos desexos para o ano que entra.