Home / Sociedad / Sanidad / O Arquitecto Marcide sitúase nun nivel alto en cirurxía da enfermidade inflamatoria intestinal

O Arquitecto Marcide sitúase nun nivel alto en cirurxía da enfermidade inflamatoria intestinal

FERROL360 | sábado 3 octubre 2015 | 14:00

Hai uns días se presentou en Dublín un estudo presentado no Congreso Europeo de Cirurxiáns, no que se expón que «o Hospital de Ferrol sitúase nun nivel alto en relación coa cirurxía da enfermidade inflamatoria intestinal».

O cirurxián do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol da Xerencia Integrada de Ferrol, Luis Sánchez-Guillén, coordina este traballo da Asociación Española de Cirurxiáns xunto con dous profesionais de centros sanitarios de Valladolid e Tarragona.

Estes especialistas avaliaron a opinión de preto de 200 cirurxiáns de toda España no que un 8% dos participantes eran de Galicia, situándose na quinta comunidade con maior porcentaxe de participación de todo o territorio nacional.

O obxectivo deste traballo é valorar o tratamento cirúrxico actual da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, unha enfermidade de etioloxía inmune do aparato dixestivo, que aglutina diversas entidades, sendo as máis comúns a enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa. Son unhas patoloxías que poden afectar a calquera parte do tracto dixestivo con un amplo potencial de complicacións ó longo do seu curso.

Este estudo realizouse con profesionais que traballan en hospitais de moi diferentes dimensións, dende menos de 300 camas a máis de 500 camas; e analizáronse aspectos tales como se ese centro hospitalario contaba cunha unidade propia neste ámbito; se tiña unha enfermeira adscrita a unha unidade especializada nestas enfermidades; se exercen cirurxiáns especializados nas intervencións propias destas patoloxías; ou, tamén, se están operativos comités interdisciplinares que aborden a enfermidade inflamatoria intestinal.

Como resultado «obsérvase neste estudo que, onde hai comités multidisciplinares, chégase a mellores resultados; e que, se se decide de xeito conxunto o axuste entre o tratamento médico e o tratamento cirúrxico, o mellor momento para a cirurxía -o que se coñece como timing cirúrxico-, eses resultados son máis favorables», indica o especialista ferrolán.

Luis Sánchez-Guillén destaca que «o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol se sitúa a un nivel bastante alto a nivel nacional, e por riba da media galega, posto que nesta área sanitaria ferrolá hai profesionais de Enfermaría e especialistas en Cirurxía dedicados á Enfermidade Inflamatoria Intestinal; e, aquí en Ferrol, constituíse o primeiro comité clínico desta enfermidade de toda Galicia, dirixido pola especialista en Dixestivo, Ana Echarri Piúdo, e constituído por radiólogos, patólogos, nutricionistas, enfermaría, cirurxiáns e gastroenterólogos especializados nesta enfermidade».

Na Xerencia Integrada de Ferrol, realízase entre 30 e 40 intervencións anuais relacionadas coa Enfermidade Inflamatoria Intestinal, na súa maior parte por vía laparoscópica.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*