FERROL360 | Lunes 22 junio 2015 | 12:40
Este sábado celébrase a primeira Feira Cultural, organizada polo Ateneo Ferrolán, no Souto de Beiramar. As entradas, cun valor de 5 euros, pódense adquirir na sede da asociación da rúa Magdalena.
Varias entidades asociativas como a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Fundaçom Artábria, a Asociación Cultural Muíño do Vento, A Revolta de Trasancos, o Colectivo Opaii Radio Filispim, a Asociación Conxeito, o Club do Mar de Mugardos, e a Sociedade O Pote de Maniños serán partícipes neste evento que trata de recadar fondos para a entidade cultural ferrolá que se encontra nunha situación crítica dende os últimos anos.
Ben é certo que dende a asociación cultural aseguran que «o problema do patrimonio do Ateneo parece en vías de solución», aínda teñen «problemas económicos derivados das débedas contraídas nos últimos tempos por mor das obras de rehabilitación da sede e da falta de calquera axuda por parte do Concello de Ferrol nos últimos catro anos». Por esta razón, a recadación será destinada ó reflotamento económico do Ateneo.
O Ateneo organiza esta xornada para agradecer o apoio ás entidades e para fraternizar entre o tecido asociativo. O sábado, cada asociación realizará diferentes actividades e terán a súa disposición, un posto para informar sobre os seus proxectos individuais, ofrecer os seus produtos ou repartir cuartillas.
Dende as 11:00 ata as 19:00 horas, haberá presentacións de libros ou revistas, exposición de pezas artesanais, xogos tradicionais para os pequenos, contacontos, recital de poesía, roteiro, maxia, malabares, gaiteiros, bombas de palenque e campionato de chave, entre outras.
Despois dará comezo a Gala Solidaria no local social de Amigos da Paisaxe Galega, que contará coas actuacións o Mago Fiz, Lenda Ártabra, Faraway, Trío Blues, Alumnos da Escola da Vaca, Óscar Fojo, Saravá Criôlo, Eugenia Sanmartím, Bitxo Bola, Os Derradeiros e DJ Miguel López.
Dende o Ateneo queren animar «a todas es entidades a convidar aos seus socios e socias a pasar unha xornada festivo solidaria en Mugardos, que axudaría a estreitar lazos entre o mundo da cultura ferrolá» e animar ós veciños e veciñas da comarca a que se acerquen durante a xornada a coñecer ás entidades participantes.