Home / Actualidad / O Bloque fala de «menosprezo» da lingua galega na entrega da medalla a Julia Uceda

O Bloque fala de «menosprezo» da lingua galega na entrega da medalla a Julia Uceda

Imaxe de arquivo de López e Rivas nunha rolda de prensa (foto: BNG Ferrol)

FERROL360 | Martes 20 setembro 2022 | 12:05

A poeta Julia Uceda recibiu o domingo a Medalla de Prata de Ferrol nun emotivo acto no teatro Jofre no que, a ollos do Bloque Nacionalista Galego, produciuse un novo episodio de «menosprezo para coa nosa lingua do Goberno municipal de Ferrol co seu máximo responsábel ao fronte, o alcalde Ángel Mato». Critican nun comunicado «a súa teima de excluír a lingua galega das súas intervencións nos actos institucionais da Corporación».

A concelleira nacionalista María do Mar López lamentou o feito e censurouno. «Parece ser que este goberno se sinte máis cómodo utilizando o español que o galego, pero desde o BNG temos que lembrarlle ao alcalde e ao concelleiro de Cultura que non están no seu ámbito privado, senón que tanto o señor Mato como o señor Golpe estaban neste acto por ter un cargo que representa a toda a institución municipal», sostén.

Lembra López que os seus cargos levan «condicionado o uso do noso idioma, o idioma galego, e que segundo a ordenanza de Normalización Lingüística así como tamén o Estatuto de Autonomía, a lingua galega é a lingua vehicular e de uso para calquera documento ou acto que se faga dende o Concello». Porén, insiste en que o rexedor e o concelleiro «foron as notas discordantes dun acto totalmente feito en lingua galega».

«Eles saíronse do uso da nosa lingua ou ben por quedar ben ante non sabemos quen ou simplemente porque lles deu a gana», engade López, insistindo en que o BNG non entende «o porque desta indolencia coa nosa lingua que se repite en moitos destes actos por parte deste Goberno local, polo que temos que pensar que hai un acto deliberado por pura vontade de facer menos a nosa lingua e non vela como unha lingua igual de válida para este tipo de eventos».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies