FERROL360 | Martes 21 xullo 2015 | 11:36
O BNG de Ares non está de acordo co reparto aprobado en pleno do número de representantes que cada grupo terá nas comisións informativas porque non respecta os resultados electorais. O voceiro nacionalista, Emilio Mesías, explicou que non reflicte a porcentaxe que cada grupo ten no pleno e recorta en casi catro puntos a presenza do BNG e que incrementan NAL e SON.
A proposta de Alcaldía, que contou co apoio de PSOE, NAL e SON de Ares na sesión plenaria, acorda que haberá cinco comisións informativas con seis representantes políticos en cada unha delas. Así, o PSOE terá dous, o PP un, o BNG un e NAL e SON poderán ter un representante en tres das seis comisións.
Para Mesías este reparto é un «ataque á democracia tanto dende o punto da legalidade como da participación» porque se NAL e SON deciden acollerse á lei e reclamar a presenza en todas as comisións informativas «xa sería un despropósito ao ter o mesmo número de representantes as formacións que teñen un concelleiro que as que teñen tres», concluíu.
En opinión do Bloque de Ares, «unha cousa é garantir a representación e participación de todos os grupos na vida municipal» e «outra diferente é adoptar un acordo que, na prática, fai táboa rasa dos resultados que democráticamente deixou a cidadanía nas urnas o pasado 24 de Maio». E é que Mesías indica que NAL e SON terían que integrarse no grupo mixto e non crear grupo propio.
Neste senso, argumentan desde o BNG que non están en contra de que os grupos municipais se conformen cun só concelleiro, pero «sempre e cando así o permita a Lei e o regulamento municipal» e non é o caso, advirten. Así, sinalan que para sacar adiante este acordo plenario terían que modificar previamente o Regulamento e non adoptar acordos contrarios ao mesmo.