Home / Actualidad / O BNG de Narón presenta unha candidatura renovada e plural para as eleccións municipais

O BNG de Narón presenta unha candidatura renovada e plural para as eleccións municipais

Integrantes da candidatura do Bloque (foto: BNG Narón)

FERROL360 | Domingo 17 marzo 2019 | 12:12

A asemblea do BNG de Narón aprobou por unanimidade a candidatura para as municipais do vindeiro 26 de maio. A lista presenta unha importante renovación «con xente preparada e que abrangue todos os ámbitos», indican desde a formación.

A cabeza de lista, Olaia Ledo, estará acompañada no número dous da lista por Geno Carballeira, presidente da AVV de Doso e técnico de alarmas; no número tres figura Dolores Castro, directora da escola da Galiña Azul de Xuvia, e a lista continúa con Manu Hermida, traballador do naval, e Xiana González, lectora do manifesto na mobilización do pasado 8 de marzo.

A candidatura conta con representantes de todas as parroquias do municipio e representa «o Narón que queremos, un Narón que mira con ilusión e ideas claras unha cidade que sexa sinónimo de calidade de vida», explicou Ánxel Rial, responsábel local do BNG, na presentación da candidatura este sábado. Rial tamén apuntou que a lista está integrada por persoas de todos os sectores, desde a sanidade ao mundo sindical -Rodolfo Fernández ou Marcos Sánchez-; educativo, pensionistas ou traballadoras autónomas.

«Hai xente nova de idade que ten tamén o seu oco para amosar o Narón do futuro; estudantes e mocidade que volve da emigración que, no seu conxunto, conforman unha candidatura plural, cunha participación moi activa no tecido asociativo do concello e con máis mulleres que homes», resaltou o responsable local do Bloque. A candidatura está integrada por vinte e unha persoas máis dez suplentes.

Desde a asemblea local tamén se quixo facer unha mención especial ao actual grupo municipal, que «demostrou o bo facer do BNG como marca e modelo. No Concello de Narón pasouse de falar de obras faraónicas e de construción sen ordenamento, a falar de eficiencia enerxética, de servizos sociais, de promoción dos produtos de proximidade, de conciliación, de humanización». Os integrantes do grupo municipal, Teresa Sabio e Xosé Gómez Fandiño pechan a candidatura.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies