Home / Actualidad / O BNG pide á Xunta que garanta a retirada de residuos contaminantes de Vilar do Colo

O BNG pide á Xunta que garanta a retirada de residuos contaminantes de Vilar do Colo

RAÚL SALGADO | @raulsalgado | Ferrol | Venres 11 setembro 2015 | 14:39

O BNG pregunta á Xunta cunha iniciativa no Parlamento de Galicia «que razóns levan á APLU a non executar as súas propias resolucións» sobre a retirada de residuos contaminantes na contorna do polígono de Vilar do Colo. Así, interésanse polas súas posibles iniciativas «para garantir que se repoña a legalidade» na zona.

A xuízo do BNG, permanecen alí acumulados «refugallos contaminantes e perigosos para o medio ambiente e a saúde das persoas». En rolda de prensa na sede nacionalista en Ferrol, representantes desta formación e de Adega lembraron que «entidades veciñais, etnográficas» ou adicadas á defensa do medio esixen que o Goberno galego acelere a resolución do caso.

Un problema «para nada pequeno», en palabras de Mercedes Tobío, da cúpula comarcal do BNG. Xandro García, de Adega, reivindicou a «loita dos veciños desa zona» e insta á «retirada dos refugallos; nin legalizalos nin almacenalos». Aínda que inicialmente presentáronse como «áridos», sostén que «hai produtos canceríxenos» e un «risco para a saúde pública».

Río Baa

Discorre poas proximidades o río Baa, que presumía de «ter augas claras» e que padece desde a construción do asentamento empresarial «unha deterioración grave». Nacionalistas e ecoloxistas afirman que está pendente de execución unha sentenza desde hai dous anos, que «esixe a retirada» e designa á Xunta como «responsable civil subsidiaria».

Para «seguir reivindicando esa retirada», Adega entregará por Rexistro á administración autonómica «unha botella de auga contaminada». Ana Pontón, parlamentaria do BNG, chamou a atención sobre a «materia contaminante» acumulada nos últimos anos en Cabanas, pero tamén no porto exterior de Ferrol.

Ao seu entender, «había un problema evidente» en Vilar do Colo, con «800.000 toneladas contabilizadas» e «unha responsabilidade moi importante da Administración». Aplaude a «presión veciñal e política» e reitera que un informe oficial recoñece o depósito irregular dos materiais, sen que se optara polo seu transporte e posterior cargo do importe á empresa involucrada.

Traballo da APLU

Para Pontón, o traballo da APLU, Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, «só quedou no papel; a Administración non ten feito nada para que o problema se solucione». Un «problema medioambiental e para a saúde das persoas» sobre o cal a deputada estima que é «moi curioso que Augas de Galicia» non tivese coñecemento oficialmente.

Por iso, esixe responsabilidades ao organismo público, que autorizou o depósito, «pero non fixo control» do mesmo aínda que lle corresponde «velar polo control das autorizacións e da calidade das augas». «Hai unha responsabilidade desde o punto de vista político», esgrime a parlamentaria, que opina que a Xunta «non está actuando nin tomando as medidas necesarias».

Tamén ten críticas para o «ámbito xudicial», ao que acusa de falla de «rigorosidade». Reclama «contundencia» por riba de «sancións moi cativas» que non permiten acabar coa «impunidade». O castigo de Augas de Galicia limitouse a 900 euros, expresando Pontón as súas «dúbidas» sobre a súa execución real.

Solicita unha «sanción real e disuasoria» e censurou o «interese por ir depositando demasiado lixo contaminante nesta comarca», engadindo aos citados casos xa coñecidos nas Somozas, As Pontes ou Moeche. «Augas contaminadas, pozos contaminados e solos contaminados» que constitúen un «problema moi grave que require respostas globais».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies