Home / Cultura / O catalán Eduard Velasco é o gañador do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O catalán Eduard Velasco é o gañador do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

FERROL360 | Mércores 5 novembro 2014 | 13:10

O xurado do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé seleccionou Ruído de trens, de Eduard Velasco, coma a obra gañadora desta edición. A entrega do premio será o sábado 15 de novembro ás 20:00 horas na sede do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Na acta do xurado -formado por Gonzalo Hermo, Mariña Pérez Rei e Carlos Quiroga- saliéntanse tamén as obras presentadas baixo os títulos Xarda e Malãkh.

Eduard Velasco naceu en Barcelona en 1982 e reside en Compostela desde o 2006. É licenciado en Filoloxía Catalana e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Adícase á divulgación cultural entre as culturas galega e catalá e colaborou en varios medios galegos -como A Peneira, Sermos Galiza ou Vieiros-, ademais de facer radio en galego en Cataluña en varias emisoras.

Foi profesor tanto de galego como de catalán e fixo diversas traducións entre o galego e o catalán como Pa negre, de Emili Teixidor, ou O porco de pé, de Vicente Risco. Recentemente obtivo o premio de poesía Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo.

Por outra banda, o xurado do premio acordou reflectir en acta o seu rexeitamento «á censura normativa pola que veñen sendo vitimados galegos e galegas que viven a súa lingua como sendo común coa doutras sociedades».

O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene, estableceuse en homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé tras o seu pasamento, ocorrido en 1987. Desde o ano 2005, o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor inédito.

O libro gañador publícase na prestixiosa editorial Espiral Maior e o autor recibe unha escultura de cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé, e máis unha dotación económica, que este ano se incrementou a 1.000 euros.

O premio revelouse, nestes últimos dez anos, como unha ferramenta moi efectiva para dar a coñecer novas voces da poesía galega que, tras obter o premio, comezan unha carreira literaria exitosa. Nomes como os de Mario Regueira, Susana Sánchez Aríns, Xiana Arias Rego, Ramón Neto ou Lorena Souto forman parte xa dun presente prometedor da literatura galega.

Eduard Velasco é o gañador do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (foto: Concello de Fene)

Eduard Velasco é o gañador do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (foto: Concello de Fene)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies