FERROL360 | Martes 22 maio 2018 | 9:51
O Centro de Interpretación de Caldoval vén de incorporar á súa exposición permanente a primeira serie de pezas procedentes do xacemento e custodiadas no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, na Coruña.
A concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, recordou que no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón aínda conta con numerosas pezas en custodia das que foron extraídas do xacemento de Caldoval entre os anos 2002 e 2004, durante as escavacións.
«Temos aberta unha liña de colaboración que sen dúbida permitirá recuperar máis pezas e seguir enriquecendo os fondos de Caldoval», dixo a concelleira, que destacou tamén a excelente acollida que ten o museo entre a poboación da contorna, doutros puntos de Galicia e de fóra da comunidade, que están a visitar o Centro de Interpretación.
Nel ponse en valor o conxunto descuberto na enseada de Santa Lucía, os primeiros baños privados con palestra da época do Imperio Romano descubertos no noroeste peninsular. Na vitrina na que están expostos estes fondos, feita cos mesmos materiais e estética que o resto do museo, amósanse unha serie de pezas que formaban parte de 16 elementos diferentes daquela vila romana de Santa Lucía.
Entre elas están unha agulla de coser redes, unha moeda de bronce de Adriano, un asa e labio dunha botella de vidro, fragmentos de recipientes cerámicos, unha xerra, un posible peso de rede, unha pedra de afiar, unha ficha de xogo, un prato e outras pezas de cerámica.