FERROL360 | Domingo 21 febreiro 2016 | 16:41
«Eduemprende Actúa» é un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento do emprendemento na Formación Profesional. O obxectivo da actuación é poñer en valor o talento emprendedor como ferramenta para o desenvolvemento profesional.
Para elo facilítase ao alumnado que teña contacto directo cunha persoa que teña posto en marcha a súa idea de empresa e que lles narra a súa experiencia en primeira persoa. O CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e o IES de Fene participan nesta iniciativa.
O programa enmárcase no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia, que agrupa o conxunto de obxectivos e medidas a desenvolver para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora.
Así como para recoñecer no seu contorno actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora.
Fases
«Eduemprende Actúa» diríxese ao alumnado de segundo curso de ciclos formativos e divídese en varias fases. Na primeira delas o profesorado do módulo de Empresa e iniciativa emprendedora realiza unha sesión na aula para presentar e reflexionar sobre a actividade que se vai desenvolver a continuación.
A segunda conta coa participación de persoal técnico do IGAPE, que presentará e coordinará a actividade, contestando ás cuestións, dúbidas e inquedanzas que o alumnado asistente formule.
Despois desta introdución unha persoa emprendedora compartirá a súa experiencia persoal co alumnado, e abrirase un debate final sobre as cuestións que poidan interesar aos estudantes. finalmente, o profesorado e o alumnado analizarán na aula o resultado da actividade.