FERROL360 | Xoves 4 setembro 2014 | 11:13
O PSdeG de Cerdido faise eco das múltiples queixas veciñais polo incumprimemento da Lei de Montes no municipio. Denuncian que non se respectan as distancias mínimas que establece a lexislación para separar as áreas forestais das vivendas, así coma as «numerosas trabas e dificultades» coas que se atopan os veciños para facer que se cumpra a legalidade.
Os socialistas lembran que a Xunta de Galicia reduciu de 100 a 50 metros a distancia que debe existir entre as casas e as prantacións forestais, «pero aínda así segue incumpríndose impunemente, sen que a Xunta nin o Concello fagan nada ao respecto». Ademais, desde o PSdeG advírtese que esa distancia ten como obxecto garantir a seguridade no caso de producirse un incendio.
Neste senso, chaman a atención da Xunta de Galicia e índicanlle que «unha das súas obrigas é facer cumplir a lei» e especialmente aquelas relacionadas coa seguridade das persoas. Deste xeito, os socialistas de Cerdido critican que os veciños denuncian reiteradamente estas ilegalidades «sen que ningunha autoridade pública tome cartas no asunto».