Home / Cultura / O Concello de Narón abre a matrícula para as Escolas Culturais Municipais de Narón

O Concello de Narón abre a matrícula para as Escolas Culturais Municipais de Narón

FERROL360 | Sábado 12 setembro 2015 | 14:00

O vindeiro luns abrirase o prazo de inscrición nas Escolas Culturais Municipais do Concello de Narón. As persoas interesadas en asistir ás clases que se ofertan, entre as que este ano, tal e como anunciou a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, se inclúen como novidade as aulas de Acordeón –cuxas clases impartirá o mestre Jorge Vázquez-, poden formalizar a matrícula nas oficinas do Pazo da Cultura de Narón ata o vindeiro 3 de outubro.

A oferta das Escolas tradicionais inclúe cursos de Danza tradicional –a partir de 5 anos-; Gaita –desde os 6 anos-; Percusión tradicional –a partir de 6 anos-; Canto e pandeireta –desde os 5 anos-; Zanfona –a partir de 8 anos-; Construción de Instrumentos –maiores de 16 anos-; Acordeón –a partir de 8 anos- e O Recuncho dos pequechos –desde os 8 anos-. O prezo por cada un destes cursos é de 63,10 euros.

Na modalidade das Artísticas están as clases de Debuxo –a partir de 6 anos- e Teatro –desde os 14 anos-, tamén cun prezo de 63,10 euros por curso.

As Escolas Culturais Municipais de Narón ofrecen ademais a posibilidade de matricularse na Escola de Actores e Actrices, con cursos de acceso –a partir de 16 anos- cun prezo de 63,10 euros e cun 1º, 2º e 3º curso por 208 euros cada un dos niveis.

As persoas interesadas poden tamén inscribirse nas clases de Bailes de salón, para maiores de 4 anos, cun prezo de matrícula de 31,60 euros.

Todos aqueles alumnos que se anoten en tres ou máis cursos poderán acollerse ao aprazamento dos pagos, facendo efectiva a parte adebedada do 9 ao 12 de decembro. O período de devolución das matrículas será efectivo ata o 31 de outubro.

Escolas de Música da Asociación Cultural Musical Sementeira

Entre a oferta das Escolas Culturais Municipais están tamén as Escolas de Música da Asociación Cultural Musical Sementeira. Haberá clases de Iniciación á música –para nenos e nenas de 5 e 6 anos-; de Solfexo –dende os 7 anos e adultos- e de Instrumentos (saxofón, trompeta, fliscornio, trompa, trombón, bombardino, tuba, clarinete, requinto, oboe, fagot, flauta traveseira, violonchelo, contrabaixo e percusión).

O prezo da matrícula é de 68 euros e hai que abonar dez euros por cada mensualidade. As persoas interesadas poderán inscribirse desde o vindeiro luns día 14 ata o 26 de setembro nas oficinas da Asociación Cultural Sementeira, localizadas no segundo andar do Pazo da Cultura, de luns a venres de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas e os sábados de 11.00 a 13.00. Para obter máis información sobre os cursos de Sementeira pódese chamar ao número de teléfono 699 458 267.

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, avanzou que a ampliación da oferta deste ano, coa incorporación das aulas de Acordeón, “é unha mostra máis da firme aposta do goberno local de Narón pola Cultura neste municipio”, ao tempo que subliñou o éxito que estes cursos teñen entre a veciñanza, apuntando que “no curso 2014-2015 matriculáronse nas diferentes clases unhas 1.200 persoas”.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies