FERROL360 | Mércores 14 outubro 2015 | 14:16
O Concello de Narón licita en 360.948 euros o contrato das obras do Centro de Dinamización Sociocultural de Pedroso, que se localizará nas instalacións da antiga reitoral da parroquia. Os traballos terán un prazo de execución de oito meses e as empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen de vinte e seis días naturais, a partir deste mércores, para presentalas.
A documentación deberá entregarse no Rexistro xeral do Concello ou remitirse por correo ao Consistorio, na praza de Galicia s/n C.P: 15.570, Narón. Dos 360.948 euros que se destinarán aos traballos, a Deputación da Coruña sufragará o 80 %, procedendo o 20% restante de fondos municipais.
«A parroquia de Pedroso disporá en 2016 dunhas instalacións en condicións para poder desenvolver diversas actividades», indica o alcalde de Narón, José Manuel Blanco. O rexedor sinala que «trátase dun proxecto sobre o que levamos moito tempo traballando», que se demorou polas negociacións para adquirir a propiedade á Diócese de Mondoñedo-Ferrol.
A intervención proxectada contempla o acondicionamento da antiga reitoral de Pedroso e tamén obras nas parcelas nas que se ubica a construción. Na planta baixa haberá unha cafetería con cociña; na alta dous locais para as asociacións da parroquia e o baixo cuberta terá usos polivalentes e de arquivo.
Na planta baixa haberá tamén dúas construcións anexas para aseos, escaleiras, ascensor e oficina; e para sala multiusos, almacén e cuarto para as instalacións. A superficie construída é de 417,47 metros cadrados, e a útil de 284,42.
No exterior da edificación adecentarase a parcela, de 800 metros cadrados de superficie, á que se lle darán novos usos a maiores de habilitar un espazo para estacionamento e un área de descanso cun pequeno parque biosaudable.