FERROL360 | Xoves 21 novembro 2019 | 10:08
O Concello de Neda denuncia que na vila se están a suceder ao longo do último unha serie de vertedoiros incontrolados, que están producindo un deterioro medioambiental, e sobre todo económico, tanto pola recollida como polo seu tratamento.
Ante esta situación e despois de detectar vertedoiros con decenas de pantallas de televisión e mobles de vivenda en zonas urbanas, feitos que están prohibidos por ordenanza municipal, o goberno local decidiu incrementar a recollida de voluminosos.
Cabe lembrar que na actualidade este servizo se presta o último luns de mes na zona do Basteiro cara á zona de Xubia, Viladonelle, Roxal ou Anca, e o primeiro luns de mes do Basteiro cara á zona do Puntal, Pazos Rabadeña, etc. Ademais, tamén existe un punto limpo a onde levar este tipo de residuos.
Para evitar estes vertedoiros, a veciñanza que desexe desfacerse deste tipo de residuos e que necesiten facelo noutros días deben chamar ao teléfono 981 380 039. Quedará rexistrado o número da vivenda e os residuos a retirar, e pasarase de forma individualizada a cada domicilio, indican desde o Concello.
Con todo, o goberno de Neda fai un chamamento á colaboración cidadá porque «estes vertidos son froito de persoas que non respectan as condutas cívicas e poden orixinar un grave problema de convivencia e económico». É por iso, que solicita que se anoten as matrículas de vehículos que depositan estos residuos e se informe á Policía Local.