Home / Actualidad / O consenso entre goberno local e oposición caracteriza o pleno de San Sadurniño

O consenso entre goberno local e oposición caracteriza o pleno de San Sadurniño

ARY LÓPEZ | San Sadurniño | Sábado 9 novembro 2013 | 17:47

A xornada plenaria de este sábado no Concello de San Sadurniño estivo marcada polo consenso entre os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal. Ás once e media da mañá daba comezo a sesión ordinaria do pleno do mes de novembro que contou con dez puntos na orde do día. En liñas xerais, o debate político xirou en torno a tres mocións que viñeron da man do grupo do goberno.

A primeira destas mocións presentadas polo BNG foi a relativa ao copago dos fármacos por persoas doentes crónicas. Os nacionalistas quixeron denunciar a proposta do goberno central coa que se pretende que os enfermos crónicos asuman o 10% do custo do medicamento que precisen, cun límite de 4’20 euros por fármaco.

A iniciativa xa foi rexeitada por diferentes concellos gobernados polo BNG, -comezando por Riotorto-, aos que se quere sumar San Sadurniño. Pretenden que se derogue esta resolución. Así o manifestaba o portavoz do grupo do goberno, Suso Soto, indicando «que se rompe a universalización da sanidade pública. Nós consideramos que é un decreto que non se pode xustificar polo aforro económico. Queremos lembrar que a súa aceptación afecta negativamente a pacientes polimedicados e a persoas maiores con baixas pensións».

Deste xeito, os nacionalistas declararon o seu interese en destinar unha partida orzamentaria para o 2014, coa que o Concello de San Sadurniño afronte este pago, no caso de que a Xunta de Galicia non o asuma ou non se bote abaixo esta medida.

A proposta foi aprobada por unanimidade. O PSdeG-PSOE, por medio do seu portavoz Fernando Márquez argumentou que se trata do «inicio de políticas de andar cobrando todo, e pode ir a máis. Hoxe son 4 euros e mañá son 6 ou 10. Por desgraza, todos temos algún familiar en esta situación e amosamos o noso apoio».

Plácido López, tamén indicou a súa conformidade coa medida: «O PP tamén está de acordo se o concello ten unha partida presupuestaria para pagar eses medicamentos, pero nos gustaría saber como se vai ser a norma a seguir». Os nacionalistas sinalaron que «hai que aprobar unhas bases. E a todo o mundo se lle vai pagar igual para que sexa de verdade unha sanidade pública, universal e gratuíta». Engadiron ademais, que outros concellos gobernados polo Partido Popular declararon o seu rexeitamento a este copago. «A alcaldesa de Cerdido foi valente porque rompeu a disciplina do goberno da Xunta e eu confío en que si tomamos un posicionamento activo, a Xunta recuará», sinalou o alcalde do municipio, Secundino García.

Finanzamento municipal

A segunda das mocións propostas polo BNG centrouse no financiamento local.

Para os nacionalistas, a reforma da administración local que ten en marcha o goberno central, supón a grandes trazos, minimizar o exercicio dos concellos evitando que presenten políticas alternativas e restarlle capacidade de decisión e autonomía ao ente local. Ademais, queren facer fincapé en aspectos que diferencian a Galicia en relación a outras comunidades. «Non podemos ter o mesmo sistema de financiamento local nos concellos galegos que nos concellos de Castela e León». Suso Soto facía referencia á dispersión poboacional de Galicia no relativo ó cumprimento das necesidades sociais. Por iso, demandan que a Xunta inste ao goberno central a contemplar as características propias dos concellos galegos e esixen tamén un reparto de fondos económicos con maior obxectividade, sen obviar a dispersión e o avellentamento da nosa poboación.

Dende a oposición, só Fernando Márquez engadiu que «hai que ter en conta a situación de cada núcleo de poboación, porque cada territorio ten as súas características».

A moción foi aprobada por unanimidade cos votos a favor do BNG, o PP e o PSdeG-PSOE.

O Concello de San Sadurniño celebraba este sábado o pleno ordinario (Foto: Ary López)

O Concello de San Sadurniño celebraba este sábado o pleno ordinario (Foto: Ary López)

Lei de prevención e tratamento da violencia de xénero

A última das mocións do grupo de goberno local introduciuna a Concelleira de Educación e Igualdade, Ana Belén Breijo. Solicitan un maior apoio por parte da Xunta ás vítimas de violencia de xénero por medio de axudas, xulgados específicos e persoal especializado nestes casos.

Outros dos asuntos que foron levados á mesa plenaria deste sábado en San Sadurniño, foron:

– a desestimación das alegacións que a Confederación Galega de Empresarios da Madeira presentou contra a ordenanza reguladora de sacas de madeira.

– a aprobación do Segundo Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de San Sadurniño.

Estas propostas e demais puntos da orde do día, foron aprobados por unanimidade polos tres grupos políticos da corporación municipal.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos e preguntas, o concelleiro socialista expuxo varias cuestións. A primeira delas, foi a relativa ao uso ao que irá destinada a escola unitaria de Naraío que está a ser convertida en vivenda. O alcalde contestoulle que mentres non se finalicen os traballos de rehabilitación do inmoble, non se decidirá si este será vendido ou alugado.

Por outra banda, Márquez tamén preguntou sobre o estado do plan xeral, ao que o rexedor indicou que a documentación estaba no concello e que se lle ía remitir á Xunta para poder chegar á súa aprobación.

Tamén se interesou polas negociacións sobre o convenio acordado coa cooperativa de San Sadurniño na cesión dos terreos para a construción do Centro de Día, logo de cumprírense os cinco anos de prazo para a súa execución. García respondeu que se está tratando de chegar a un acordo cos liquidadores da cooperativa mentres non se aprobe o plan urbanístico.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies