Home / Actualidad / Política / O copago sanitario ou a prevención da violencia de xénero centrarán o pleno de San Sadurniño

O copago sanitario ou a prevención da violencia de xénero centrarán o pleno de San Sadurniño

FERROL360 | Mércores 6 novembro 2013 | 12:50

O pleno que o Concello de San Sadurniño celebrará o vindeiro sábado centrarase en tres mocións de peso a presentar polo grupo municipal do BNG.

En primeiro lugar, o goberno local pedirá que a Xunta de Galicia desbote a súa decisión de aplicar o copagamento dos medicamentos de farmacia hospitalaria para enfermos crónicos. O que se pretende é instar á Xunta para que lle esixa ao Goberno central a derrogación desta resolución.

En segundo lugar, reclamaranse fórmulas de financiamento municipal nas que se teñan en conta as características e necesidades propias dos concellos galegos, tales como a dispersión e o avellentamento da poboación.

Por último, solicitarase ao Goberno galego que faga efectiva a Lei para a prevención e o tratamento da violencia de xénero.

Na sesión plenaria do mes de novembro trataranse ademais outros puntos de importancia, como son a aprobación do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres e a desestimación das alegacións presentadas contra a ordenanza da saca da madeira.

Igualdade entre homes e mulleres

A empresa Deloga e o Concello de San Sadurniño traballaron desde o mes de abril para sacar adiante un documento que reflicte a situación actual do municipio en termos de igualdade de xénero, demografía, economía ou movementos sociais. O resultado foi a elaboración dun plan para acadar a igualdade real entre mulleres e homes, comprendendo varias liñas de actuación e obxectivos que deberá acadar o Concello durante o período 2014-2017. Estes, ademais, serán presentados publicamente nos actos do Día contra a Violencia de Xénero, o próximo 23 de novembro.

Tamén, o BNG defenderá unha moción esixindo o compromiso de todos os grupos municipais para levar adiante as actuacións reflectidas neste II PIOMH e reclamarlle ao Goberno galego a aplicación efectiva da Lei para a prevención e o tratamento da violencia de xénero. Ademais, pedirá á Xunta que demande ao Goberno central a creación de xulgados específicos nas cidades que aínda non dispoñen deles.

Ordenanza da saca de madeira

No pleno do pasado setembro, quedaba aprobado o texto que rexe a extracción forestal e a súa incidencia sobre bens públicos. Sen embargo, a Confederación Galega de Empresarios da Madeira presentou un relatorio con cinco alegacións nas que se sinala, entre outros argumentos, que o Concello non é competente na materia ou que o ente local non pode facer controis previos nin esixir fianzas para protexer as vías de titularidade municipal.

As alegacións que Confemadera presentou contra a ordenanza da saca da madeira pasarán a debaterse na sesión plenaria, onde se terá en conta o informe do que dispón o Concello avalando a ordenanza e desarmando xuridicamente os argumentos da organización madeireira.

O pleno dará comezo ás 11:30 horas.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies