Home / Cultura / O Entroido continúa en Ferrolterra esta fin de semana

O Entroido continúa en Ferrolterra esta fin de semana

FERROL360 | Venres 3 marzo 2017 | 18:04

Mentres algúns xa gardaron as roupas do Entroido outros aínda as reservan para esta fin de semana. E é que o Entroido aínda non rematou e quedan días de festa rachada para pasar un bo rato. Así, en Cobas, Valdoviño e Narón celebrarán varias actividades de Entroido este sábado e domingo.

No local social da AVV de Cobas organizan unha festa infantil de disfraces este sábado. Será a partires das 17.00 horas e pola noite, desde as 22.00 horas, celebrarán unha cea baile con sorteos e premios ao mellor disfraz individual, mellor comparsa e ao máis simpático.

En Valdoviño celebrarán o seu Festival de Comparsas este sábado nunha carpa situada ao carón da Casa da Cultura. Previamente, ás 17.30 horas, haberá un pasarrúas dende a rúa Imeldo Corral –na casa consistorial- ata a Casa da Cultura.

No XVII Festival de Comparsas participarán sete agrupacións: Tróupele, Tróupele (Narón), Os Colludos (Narón), Os Parrandolos (Narón), Os Chorlitejos (Valdoviño), Os Trastos (Valdoviño), A Canteira (Neda) e Os Faranduleiros (Valdoviño).

O Concello repartirá 3.000 euros en axudas á participación -300 euros máximo por comparsa- e outros 200 euros no premio á mellor comparsa e 100 euros ó mellor pasarrúas.

Tamén o sábado a Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía celebrará unha festa de Entroido no local social da Solaina, a partires das 17.00 horas. Haberá actividades de animación e globoflexia, música e unha merenda na que os doces típicos destas datas serán os protagonistas.

Xa o domingo a Sociedade Cultural Areosa organiza o tradicional Enterro do Momo con pasarrúas á 17.30 horas dende a praza de Paradela pola Estrada de Castela ata o local social de Piñeiros coa comitiva do Momo e as comparsas Os Parrandolos e Troupele Troupele.

Ás 18.00 horas terá lugar a actuación das comparsas e lectura do testamento do Momo no local social e a continuación procederase á queima do Momo nas inmediacións do local. O fin de festa correrá a cargo do Dúo Aplauso.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*