Home / Cultura / O gaiteiro Pablo Devigo repite como gañador do Certame Constantino Bellón

O gaiteiro Pablo Devigo repite como gañador do Certame Constantino Bellón

Os finalistas do certame recibiron unha peza de Sargadelos (Foto: Ateneo Ferrolán)

Os finalistas do certame recibiron unha peza de Sargadelos (Foto: Ateneo Ferrolán)

ARY LÓPEZ | Luns 2 setembro 2013 | 14:12

O pasado sábado, coincidindo co peche das festas de Ferrol, tivo lugar no Teatro Jofre a final do XXI Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega Constantino Bellón.

A cita, organizada polo Ateneo Ferrolán, pretende potencia-la música de gaita, valorando o emprego de xiros e técnicas tradicionais propiamente galegas.

Oito gaiteiros tiveron ocasión de interpretar unha peza inédita composta expresamente para esta edición do certame e outra peza tradicional. O mozo ourensán Pablo Devigo Vázquez, saíu vencedor desta vixésimo primeira edición recibindo un premio en metálico de 3.000 euros.

Tres dos participantes chegados de Arxentina, Valencia e Donosti foron seleccionados dentro do premio Gaiteiro Soutelo que promociona a participación de Galicia no exterior. A valenciana Raquel García Martínez obtivo neste apartado o premio Seivane. Os seus compañeiros Daniel Fernández López (Lugo) e Daniel Lumbreras Rodríguez (Donosti) recibiron os accésits de 1.000 euros cada un.

Así mesmo, entregóuselle a Gaita de Ouro ao investigador, artesán e intérprete Pablo Carpintero, polo seu labor na difusión dos instrumentos tradicionais galegos. No apartado de Composición para gaita solista, o premio recaeu en Daniel Romar Sambade, pola obra Fantasía concertante para gaita e banda e concedéronlle os accésits a Javier María López Rodríguez e Lois Prado Fernández.

Victor Fernández Gabeiras, presidente do xurado e fundador deste certame que naceu no ano 1991, considera que o concurso «vai collendo forza cada ano e gañando prestixio». Unha cita cultural na que di, «créanse obras para todo o mundo, dende Galicia cara fóra». Laméntase da falta de atención por parte das administracións, que segundo el «o obvian, e nin sequera aparece no programa de festas». Agradece, a participación doutras entidades particulares como a familia Seivane ou Sargadelos.

En canto a Pablo Devigo, que repite como gañador neste certame, Victor Fernández defíneo como «unha máquina, un virtuoso da gaita como moitos artistas que pasaron por aquí».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies