ARY LÓPEZ | Venres 30 agosto 2013 | 20:36
Facer brillar o son nas cordas verticais é a súa especialidade, pero se ten que manexa-lo manubrio da zanfona, o piano ou o bouzouki, non hai pega ningunha. Roi Casal pon, ademais, a voz nalgunhas das súas melodías, que son mestura de tradición e novos sons. Tamén o acompañan a cantante Silvia Ferre e o resto da banda.
A súa discografía abrangue oito traballos, seis deles gravados con Milladoiro, grupo do cal formou parte dende o ano 2000. En 2008 comeza a súa andaina en solitario con Lendas douradas. Maxicamente vello, un título extraído dun poema de Manuel María, é o último disco deste trobador do século XXI. Ademais, foi o álbum galego máis vendido no ano 2012.
FERROL360 – Explícanos que é Maxicamente vello, que relación ten cun texto de Manuel María e por que te decidiches por el.
ROI CASAL – É un tema xa composto en Lendas douradas, pero non me acaba de convencer a nivel de sonoridade. Foi collendo corpo e voz propia cando comecei en solitario coa banda, e foise asentando. Representa moi ben a evolución que tivo Roi Casal e a súa banda nos últimos catro anos e penso que transmite valores como o respecto á diversidade cultural e á creación cultural humana. A riqueza que constrúe un ser humano cada día.
360 – A letra é un canto ao noso idioma, un reflexo da súa importancia. Coas túas letras axudas a espalla-lo galego polo mundo, o que te converte nunha persoa comprometida coa nosa cultura.
RC – Sendo galego o normal é que cante en galego, aínda que despois cada un que faga o que lle pete. Eu fágoo con naturalidade, como persoa que nace nun país que ten un idioma propio, como faría un ruso cantando en ruso. Posiciónome ao lado do meu idioma sen que iso supoña estar en colisión con outro. Síntome moi orgulloso de ser galego e sempre teño os pés chantados aquí e, afortunadamente, teño un país moi rico no eido musical, literario e sería un desperdicio non aproveitar a nosa riqueza. Pero temos música para todo o mundo. O idioma non é un impedimento para chegar a ningún lado.
360 – Ser fillo de Nando Casal, -un dos mellores gaiteiros da nosa terra e membro de Milladoiro-, é facer trampa. Fuches un neno que medrou entre pentagramas e iso practicamente obriga a seguir coa tradición…
RC – Teño irmáns que naceron na mesma casa e non se dedican á música (risas), pero axuda, evidentemente, é unha honra. A miña casa veu nacer a Milladoiro, iso para min foi unha sorte. A música sempre me gustou moito pero, se aínda encima tes a oportunidade de ter un pai fundador e membro de Milladoiro e, ademais, con 19 anos teño a sorte de entrar no grupo, pois entonces máis chiripa non se pode ter. Recoñezo a sorte nese aspecto e só intentei aproveitala. E, de feito, non se entende a carreira de Roi Casal sen Nando Casal e sen Milladoiro. E con moita honra.
360 – A pesares de vivir nun entorno onde o son da gaita era o teu día a día, ti decantácheste pola arpa. Por que?
RC – Cando eres pequeno tampouco te paras moito a reflexionar. A arpa que tocaba Rodrigo Romaní en Milladoiro era unha das cousas que máis me fascinaba e sempre me gustaron os instrumentos de corda.
360 – En febreiro de 2011 comezaches a xira de Maxicamente vello e ata o mes de novembro tes pechadas outras datas. De onde se saca o tempo para compoñer novos temas?
RC – Precisamente acabo de saír de estudio. Ás veces non queda moito tempo para compoñer e, sobre todo en verán, parece que non apetece, pero sempre sae algunha idea no momento máis inesperado. Ademais, ás veces tes un lote de temas gardados noutras ocasións, que vas variando pouco a pouco. É coma unha roda que non para e tes que alimentar. A música sae soa, de maneira natural. Non é unha cousa que te teñas que obligar a facer. A miña carreira musical nin nos meus mellores soños pensei que se ía desenvolver nestes termos.
360 – Aínda que a maioría das citas son en Galicia, visitaches escenarios de todo o Estado. Como te recibiron fóra? Algún que recordes de maneira especial?
RC – Pois, por exemplo, a última que acabamos de facer, en Talavera de la Reina. Abrimos o festival de jazz no que actuarían Chuchito Valdés e un famoso músico estadounidense. A praza abarrotada, vendimos moitos discos e nos invitaron a volver. Ese foi o recibimento que tivemos, esa é a demostración de que a música galega é universal. Está feita dende aquí por persoas que senten, aman, choran igual que calquera que estea en Xapón ou Alaska.
A música de Roi Casal e a súa banda soará este sábado a partir das nove e media da noite na praza da Constitución pechando as festas do verán de Ferrol.