Home / Actualidad / O Goberno local visita a residencia de maiores de Caranza por mor das obras sen rematar

O Goberno local visita a residencia de maiores de Caranza por mor das obras sen rematar

FERROL360 | Lunes 7 septiembre 2015 | 20:30

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, fixeron esta mañá unha visita a residencia de maiores de Caranza, a única de xestión pública na cidade naval, que leva varios anos con dúas plantas pechadas por mor dunhas obras imprescindibles e aínda incompletas que competen a Xunta de Galicia, que seguen a espera dunha solución definitiva.

Foron recibidos pola dirección do centro e a delegada da Consellería de Traballo e Benestar na xefatura territorial de A Coruña, Pilar Caridad. Suárez e Sestayo fixeron un percorrido breve e acoutado por algúns dos espazos do centro, aínda que non lles foi posible acceder as plantas pechadas polas obras, e se interesaron polo día a día dos usuarios e a calidade e cantidade dos menús alimenticios.

Suárez e Sestayo comprometeron unha próxima visita ao centro coa Xunta de Personal e remarcaron a necesidade de fixar un encontro coa titular da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta, Beatriz Mato, que xa fora solicitada en días pasados e aínda sen data para abordar a problemática do centro, que urxe reparacións e reformas sen demora polo preocupante deterioro do seus espazos.

A concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, denunciou que «a residencia leva esperando por esa reforma con plantas inhabilitadas e que orixina unha mingua nos servizos públicos prestados. Son numerosas as queixas dos usuarios da residencia de Caranza e das súas familias ao respecto da alimentación, onde parece que hai unha mingua de calidade e cantidade nas ceas, e sobre a accesibilidade e calefacción».

Duplicidade do gasto por parte da Xunta

A residencia de Caranza foi construída hai 40 anos e suma 191 prazas. As obras para a súa reforma, concibidas no 2008, quedaron aparcadas en 2014 por problemas coa empresa adxudicataria que aínda están pendentes de resolución administrativa no Consello Consultivo, segundo trasladou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao alcalde da cidade na xuntanza que ambos mantiveron en Compostela o pasado 7 de agosto.

O Goberno local fixo hoxe fincapé na necesidade que o municipio ten para dispor do centro reformado tal e como estaba previsto para mellorar as instalacións e a calidade de vida dos usuarios.

O alcalde denuncia que, de acordo aos datos dos que dispón o Goberno local, preto de 40 persoas tiveron que ser trasladadas por mor deste peche das plantas e afastados do seu entorno familiar ata localidades como Vimianzo.

Suárez e Sestayo criticaron a duplicidade no gasto público que que supón que a Xunta estea a pagar dúas veces polas prazas das persoas que foron trasladadas desde Caranza polos atrasos na reforma: dunha banda, a praza no centro público, e doutra, a factura da residencia privada a que foron derivados polas obras inconclusas.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies