Cando François Truffaut filmou Los cuatrocientos golpes (1959), non era de todo consciente de estar sentando as bases da Nouvelle Vague. O mesmo lle sucedeu a Claude Chabrol ou Jean-Luc Godard e a outros directores noveles que, baixo a sombra do crítico e teórico do cine, André Bazin, trazaron as liñas da nova corrente cinematográfica francesa.
Aquilo era a Francia de finais dos anos cincuenta e un novo cinema estaba a espertar proclamando unha renovación do cine patrio para gañar unha maior frescura, autenticidade, acadar a máxima creatividade e liberdade de expresión ao tempo que se reivindicaba a figura do autor en todo o proceso de creación dun filme.
Noutro espazo e noutros tempos, -Galicia, novo milenio- un conxunto de creadores galegos traballan cunha nova mirada cinematográfica posta na experimentación, tentando formas narrativas pouco convencionais e sen perseguir a atención do gran público. Practican a autoprodución dunhas pezas que reciben pouco ou nulo apoio institucional e comparten características do cotiá que xorden da idiosincrasia galega desafiando os límites entre a ficción e o documental.
Autores como Lois Patiño, Xurxo Chirro, Óliver Laxe ou Eloy Enciso dan vida a un recente movemento denominado novo cinema galego con títulos coma Costa da Morte, Vikingland, Todos vós sodes capitáns ou Arraianos, obras que na maior parte dos casos exhiben en circuitos de cine alternativos.
Moitos destes directores reciben un importante recoñecemento en festivais internacionais, coma por exemplo o de Cannes, que lle serviu a Óliver Laxe para facerse no ano 2010 co Premio FIPRESCI -Federación Internacional de Críticos de Cine- por Todos vós… e marcar así un feito significativo dentro desta nova onda audiovisual. Pero Laxe non foi o único merecidamente galardoado, pois Patiño acadou en 2013 o premio ao mellor director de “Cineasti del presente” en Locarno por Costa da Morte.
Encontro de cineastas en San Sadurniño
Máis dunha vintena de profesionais do audiovisual chegados de toda Galicia visitarán esta fin de semana San Sadurniño con motivo da primeira edición do Chanfaina Lab; unhas intensas xornadas que xirarán en torno ao Novo Cinema Galego (NCG). A elas están convidados unha serie de creadores que compartirán os seus coñecementos e as súas visións acerca da sétima arte. Directores como Xurxo Chirro, Alberte Pagán, Mario Iglesias, Sonia Méndez, Otto Roca; produtores como Alfonso Zarauza, Felipe Lage Coro ou o dúo Juan Lesta e Belén Montero acompañarán a outras figuras do audiovisual local como Miguel Noval ou César Galdo.
Cada un deles deberá realizar unha peza duns cinco minutos sobre o municipio de San Sadurniño, tentando rexistrar as súas paisaxes, as súas xentes, os seus costumes… ou calquera elemento que poida «reflectir o devalar da fin do verán de 2014». Así o explica un dos impulsores destas sesións, -que contan, ademais, co apoio da área de Cultura municipal- o académico do audiovisual Manolo González, -historiador do cine galego, ex director da Axencia Audiovisual Galega e un dos creadores da Escola de Imaxe e Son de A Coruña-.
Tanto a temática como as formas narrativas e a estrutura son libres, respondendo así ás características que, segundo González, definen o NCG: «Non hai temas ou estilos obrigados pero a paisaxe, o rural e a natureza adoitan ser recorrentes». Para el, esta nova onda «é un grupo inclasificable e heterodoxo no que pode participar calquera creador galego. O único obrigatorio no novo cinema galego é a “mirada” contemporánea sobre a realidade do autor, a liberdade absoluta de creación e traballar fóra dos sistemas de produción da industria audiovisual convencional».
No I Chanfaina Lab, -denominación que fai honra a un dos pratos típicos da zona- cada participante deberá gravar a súa propia peza, puidendo atopar inspiración na abundante fonte de localizacións, temas e historias dispoñibles no proxecto web Fálame de San Sadurniño. Calquera dispositivo de gravación de vídeo servirá -e, de feito, serve no NCG- para captar ese ollar característico de cada autor. Porque esta recente vangarda defende a premisa de que nada pode impedir facer películas ou, tal como explica o propio Laxe: «non hai excusas para non facelas».
As xornadas desenvolveranse dende a mañá do sábado. Logo de visitar o Pazo da Marquesa, os xardíns e a contorna do río Xuvia, os creadores comezarán a localizar e gravar os seus proxectos que continuarán construíndo tamén pola tarde. De noite, o café-bar Dzine acollerá unha proxección dalgunhas das obras fundamentais do NCG, e o domingo, despois de gravar toda a mañá, quedará clausurada a sesión agardando poder exhibir todas as obras durante a programación cultural do Nadal.