Home / Cultura / O I Festival Agro-folk do Val: unha aposta pola cultura do rural

O I Festival Agro-folk do Val: unha aposta pola cultura do rural

MARTA CORRAL | Venres 27 setembro 2013 | 22:09

Acostumados como estamos a festivais folk que xorden coma cogomelos pola nosa comarca, o prefixo «agro» semella algo diferente. Chama a nosa atención, crea distincións e fai que teñamos curiosidade por saber que trae da man.

Argallado polas asociacións Zarabanda e Vai Rañala Meu!, coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón e do propio Concello de Narón, o Agro-folk que terá lugar mañá en Vilacornelle (O Val) promete non deixar indiferente a ninguén.

Un dos responsables da organización, Daniel Cánovas, de Vai Rañala Meu!, contoulle a Ferrol360 o segredo do prefixo, da esencia deste festival, de por que «agro» e non «folk» a secas.

O nome xurdiu de dúas ideas: por unha banda, lembrar as orixes da música tradicional galega -«a musicalidade galega vén do mundo rural»-; e, por outra, poñer en valor a parroquia na que ten lugar: «O Val é unha zona moi arraigada no traballo da terra, coa súa cooperativa». A intención da organización é deixar ganancias no lugar do festival para «devolverlle ao rural un pouco do que nos dá» e amosarlle á sociedade que «se pode facer cultura de calidade na zona rural»; xa que, como apunta Daniel, estamos acostumados a consumir cultura só nos ámbitos urbanos.

A organización mira cara ao ceo e cruza os dedos para que a choiva non faga das súas mañá, aínda que promete que haberá toldos para artesáns e público.

A xornada comeza ás 11:00 horas coa apertura do Mercadiño Artesán.

Máis tarde, ás doce e media, Sesión Vermú con Vai Rañala Meu!, e posterior xantar popular: «Pensamos en que cadaquén pode levar a súa comida e xantar alí, aínda que tamén hai un Pulpeiro e toldos para xantar».

Logo de encher o bandullo, que mellor que baixar a comida cun pouco de deporte rural? As Agro Olimpiadas darán moito que falar e están abertas á participación de quen queira; pero, iso si, teñen que ser equipos de catro persoas e terá que haber homes e mulleres, deben ser mixtos.

Aínda que o Curso de Construcción de Palletas que ía impartir Miguel Mosquera non se poderá levar a cabo porque non cumpriu inscricións, si que o fará o de técnica de reglaxe de zanfona, que impartirá o coñecido luthier mariñense César Loureiro.

A partires das 21:00 horas, a música faise a dona de todo Vilacornelle: comeza a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e volven Vai Rañala Meu!, para amenizar as esperas entre grupos.

Os platos fortes da noite, tres grupos da comarca, coñecidos por todos, locais e rurais: Alén de Ancos, Chiculate e os míticos Os Cempés.

A verdade é, que pensándoo ben, a un festival Agro-folk ben pode ir un chovendo. E digo máis. Case que debe orballar un pouquiño para calzarnos as botas e darlle a benvida ao outono brincando no barro, xogando coa terra.

Que non vos faga quedar na casa, que vivimos en Galicia e, como dicía Daniel, xa vai sendo hora de devolverlle ao rural un pouco do moito que nos deu.

Cartaz do I Festival Agro-folk

Cartaz do I Festival Agro-folk

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies