FERROL360 | Venres 25 outubro 2013 | 14:11
O Concello de San Sadurniño ultima os detalles para a celebración dunha nova edición do Mercado Local Xusto. Unha aposta que malia ser relativamente nova –a primeira tivo lugar no mes de xuño- vai gañando en popularidade.
A finalidade está ben clara. Dende o Concello sinalan que o que se pretende é «dinamizar o rural, favorecer a venda de produtos de proximidade, potenciar a compra local e poñer en valor o intercambio de bens entre pequenas comunidades». Trátase, en definitiva, de fuxir por un día das grandes superficies e acadar un beneficio mutuo para o vendedor e o cliente evitando a figura dos intermediarios mercando artigos de confianza, boa calidade e produtos de temporada.
O resultado do mercado anterior foi un éxito. Se cadra por iso, esta cita ten cada vez máis seguidores e a deste domingo reunirá un total de 133 expositores. Encherán as inmediacións da Praza do Concello e a contorna do Convento do Rosario con todo tipo de produtos ecolóxicos e agrarios, artigos de comercio xusto, artesanía ou antigüidades.
Esta feira está aberta tanto a comerciantes profesionais como a calquera veciño que teña material artesanal, produto de horta ou viveiros e teña interese por sacarlle algunha rendibilidade. Moitos dos comerciantes xa teñen experiencia. Outros intentarán por primeira vez coñecer o resultado deste mercado e os que non puideron inscribirse poderán agardar por unha vindeira edición, xa que esta cita aposta pola continuidade.