FERROL360 | Luns 14 xullo 2014 | 18:18
As persoas que visiten o novo portal do Sistema Galego de Museos poderá atopar información sobre os contidos, ubicación, contacto e tarifas de 84 museos galegos, entre os que se atopa o Museo do Humor de Fene.
Os interesados poderán achegarse ás orixes deste centro expositivo fenés na década dos oitenta cando «os debuxantes Siro e Xaquín Marín montaron unha exposición que percorreu toda Galicia, acompañada dun manifesto que chamaba á mobilización en defensa do humor».
Tal e como se recolle no portal, no Museo do Humor de Fene pódense ver debuxos de Torres, Atomé, Chichi Campos, Reimundo Patiño, Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Fausto, Andrés Meixide, Chumy Chúmez, Gila, Forges, Gallego&Rey, Serafín, Mort Walter, etc., amais de contar con dúas salas adicadas especificamente ao humor negro e á banda deseñada.
Entre os seus atractivos salientan: os espellos deformantes, a escultura de Xaquín Marín, a figura do «Galego das escaleiras», o busto da «Cabeza galega» ou as figuras adicadas ao «Gaspariño» de Xaquín Marín e ao «Carrabouxo» de Xosé Lois.
Unha pequena galería de imaxes e a información de contacto, localización e horarios, completan o apartado do Museo do Humor no novo portal do Sistema Galego de Museos.