Home / Cultura / O ‘Oenach Atlántico’ de Sedes encara os seus días grandes

O ‘Oenach Atlántico’ de Sedes encara os seus días grandes

FERROL360 | Sábado 28 xullo 2018 | 12:24

Sedes vive xa os días grandes da vixésima edición do Oenach Atlántico. Este venres arrancaba a festa no Trece co tradicional acendido do lume. A cita recrea a vida dun poboado celta ata o domingo cunha programación que comprende música, teatro, actividades para peques e maiores e moita festa.

O Concello impulsa esta festa de Interese Turístico de Galicia que este sábado estará repleto de xogos, obradoiros e espectáculos desde as 11.00 da mañá e ata a sesión vermú, con Lenda Ártabra. As actividades continuarán durante toda a tarde e ás 17.00 horas María Fumaça, o grupo estrela do público miúdo, protagonizará o concerto principal desta xornada.

Ás 22.30, o Oenach vivirá o momento máis esperado, a súa tradicional Noite no Castro, cunha recreación teatral protagonizada polos veciños e veciñas do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes sobre a vida cotiá nos castros.

O domingo as actividades comezarán de novo a partir das 11.00 e continuarán durante todo o día con teatro, xogos e obradoiros e a animación do Cuarteto Rinchón. Ademais, a compañía de títeres Tanxarina representará o seu espectáculo Trogloditas ás 12.00, ás 17.00 e ás 18.15 horas.

O turno do Grupo de Teatro comunitario de Sedes será ás 13.00 horas e o concerto de clausura será ás 19.00 horas co grupo de música tradicional Mayalde.

Ademais das actividades e concertos, os asistentes terán tamén unha zona gastronómica na que poderán probar diferentes produtos elaborados con porco celta, a raza autóctona galega que está en recuperación grazas aos pequenos produtores.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies