FERROL360 | Domingo 27 febreiro 2022 | 12:48
O Parlamento de Galicia aprobou esta semana, por unanimidade, a proposición non de lei do Grupo Popular para reiterar ao Goberno central a súa implicación na solución ao prexuízo económico que están a ocasionar no porto de Ferrol as restricións de circulación para certos transportes especiais no viaduto do Castro da A-6; de xeito especial con relación ao transporte de palas e torres eólicas que a data de hoxe se sigue negando.
A portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa, lembrou que o Ministerio de Transportes está a acometer desde o pasado mes de xuño obras de mantemento nos viadutos de Castro, en León, entre os puntos quilométricos 428 e 432 da A-6. Esta actuación está a impedir o paso de camións con torres eólicas, que non poden circular nin polo viaduto nin polo bypass, nin sequera pola noite cando non hai practicamente tráfico.
«A consecuencia directa é que os produtores, en vez de dar saída ás pezas polo porto de Ferrol, estano a facer polo porto de Santander, observándose un risco real de deslocalización que afectaría novamente a unha comarca fondamente castigada como é a de Ferrolterra, e suporía un novo castigo a Galicia propiciado polo Goberno central», criticou Nóvoa.